Imprimir

O actor Luis Zahera será homenaxeado na vindeira edición do FIC de Verín

Lara García | 19 de agosto de 2020

Luis Zahera acudirá a Verín o vindeiro 11 de setembro para ser homenaxeado polo FIC Vía XIV. | FOTO: Cedida.
Luis Zahera acudirá a Verín o vindeiro 11 de setembro para ser homenaxeado polo FIC Vía XIV. | FOTO: Cedida.

O prolífico intérprete galego, gañador dun Goya ó Mellor Actor de Reparto en 2018, desprazarase ata Verín o vindeiro 11 de setembro con motivo do acto público que organiza, na súa honra, o Festival Internacional de Curtas Vía XIV.

Luis Zahera será o actor homenaxeado na V edición do Festival Internaccional de Curtas Vía XIV de Verín. O actor santiagués conta cunha ampla experiencia en cinema, televisión e teatro e destaca por ser un dos intérpretes máis recoñecidos en toda Galicia, ademais da fama nacional e internacional que o precede.

O que foi gañador dun Goya, no ano 2018 polo filme El Reinovisita agora Verín para asistir á homenaxe que a organización do FIC levará a cabo o vindeiro venres 11 de setembro.

Zahera recolle a testemuña de Mabel Rivera, a actriz que foi recoñecida na anterior edición do certame. Nesta ocasión, a comisión promotora do festival de curtas verinense propón un encontro público na honra do actor galego, onde se poderá visionar unha selección dos seus traballos.

No acto de homenaxe -que estará aberto ao público- o propio Zahera tamén departirá cos asistentes sobre a súa traxectoria profesional e ao respecto de como ve o eido cinematográfico no contexto actual, marcado pola pandemia. 

O papel da cultura en tempos de pandemia

Luis Zahera quixo significar a homenaxe que lle renderá o FIC Vía XIV sinalando que “as mostras de agarimo son moi agradecidas, sobre todo no contexto actual”. Un momento que o actor cualifica como “moi raro para o sector cultural”.

Porén, amosa a súa seguridade de que tanto o entretemento como a cultura teñen un papel fundamental nos tempos de pandemia que atravesamos para facer máis levadeiras situacións como as provocadas polo confinamento. “A cultura é máis necesaria ca nunca”, sentenciou.

Zahera amosouse, ademais, moi “orgulloso” de suceder a “unha grande do noso cinema como Mabel Rivera” como figura homenaxeada no FIC Vía XIV. “Grazas por este recoñecemento e vémonos en Verín”, indicou.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/verin/actor-luis-zahera-acudira-verin/20200819173119010601.html


© 2020 Diario do Támega

O primeiro dixital da comarca de Monterrei