Venres. 29.03.2024
Feira do Lázaro do ano 2019 na Praza da Mercé. | FOTO: Concello de Verín.
Feira do Lázaro do ano 2019 na Praza da Mercé. | FOTO: Concello de Verín.

O Concello de Verín abre o prazo de inscrición para os expositores da Feira de Artesanía do Lázaro, que se celebrará os días 27, 28 e 29 de marzo na Praza da Mercé e no Pavillón de Deportes. Todas as candidaturas deberán ser formalizadas antes do 4 de marzo de 2020. A folla de inscrición e os xustificantes bancarios entregaranse na Oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Verín ou por correo electrónico ([email protected]). A candidatura só será efectiva unha vez que sexa aceptada e confirmada a participación pola organización (xa que pode rexeitarse debido a que a candidatura non se atope no ámbito do evento) e realice o pagamento -70 euros- tras a inscrición previa, nun prazo máximo de cinco días hábiles -enviando á organización o xustificante de pagamento-. Este pode realizarse en efectivo na sección de Tesourería do Concello de Verín ou por transferencia bancaria.

O que atinxe á asignación e localización dos stands é responsabilidade da organización e farase en función das candidaturas seleccionadas, tipo de expositores e dispoñibilidade de espazos. Terán prioridade a participación comarcal, a antigüidade na participación no evento, así como a posesión do carné de artesán. Tras a selección das candidaturas seguindo estes criterios, a organización informará aos participantes.
 

Información a ter en conta sobre o evento

  • A montaxe e decoración do espazo interno deberá realizarse ata ás 17:30 horas do venres 27 de marzo. Tras o remate da feira o domingo deberán desmontarse os stands. É obrigatoiro o cumprimento dos horarios de inicio e peche das feiras, sendo os seguintes: venres de 18:00 horas a 21:00 horas, sábado de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas, e domingo de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.
  • Está prohibido expor materiais fóra dos espazos respectivos do propio stand, así coma calquera tipo de publicidade, evitando entorpecer os corredores. Para que o fluxo dos visitantes sexa contínuo, a carga e descarga de mercadoría exposta deberá realizarse nas primeiras horas de apertura do pavillón ou á hora do peche.
  • É obrigatoria a presenza dunha persoa no respectivo stand, xa que a organización do evento non se responsabiliza de danos ou perdas no interior do posto.
  • O acondicionamento e o envoltorio dos produtos deberán ser realizados en embalaxes adecuados, limpos e de material inocuo. Son os expositores os responsables da calidade do produto vendido.
  • A cancelación da participación por parte do expositor deberá ser presentada por escrito á organización solicitando a posibilidade de devolución do importe realizado.
  • Haberá seguridade durante as dúas noites da feira, así como ó mediodía. Ás noites báixanse os automáticos da luz, polo cal, calquera información a maiores que deba estar en coñecemento da organización debe comunicárselle á organización.

Para máis información ou calquera tipo de aclaración, o Concello de Verín está a total disposición dos interesados en participar na Feira de Artesanía do Lázaro 2020.

 

 

Aberto o prazo de inscrición para os expositores de Artesanía do Lázaro 2020