martes 27/07/21
O alcalde, Cardoso, é o encargado da recollida de sinaturas

Terroso enteiro asina para reclamar un mellor servizo de telefonía

O alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, recolle sinaturas en Terroso para mellorar o servizo de telefonía. | FOTO: Cedida
O alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, con tres dos veciños de Terroso, onde recolle sinaturas para mellorar o servizo de telefonía. | FOTO: Cedida

Tal e como anunciara o día da concentración popular en Terroso, o alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, está a recoller sinaturas entre a veciñanza da localidade para lograr melloras nas comunicacións. A aldea, que conta cuns 200 habitantes que se multiplican no verán, leva arredor dun mes incomunicada pola falta de cobertura móbil

O rexedor, acompañado da concelleira Belén Rigüela, percorre as rúas da localidade para que "Telefónica veña por fin amañar os fallos dos repetidores actuais e, sobre todo, para que nos instalen unha nova antena na serra das Penas Libres", incide de novo, algo que, segundo o alcalde, melloraría de raíz tódolos problemas de maneira permanente. Unha decisión que tamén esperanza aos veciños. "Estannos agardando coa porta aberta, están animados porque teñen moitas ganas de que remate esta situación insostible", engade Cardoso.

Esta foi a segunda xornada de recollida de sinaturas que comezaba onte e que, previsiblemente, rematará mañá. "Seguiremos durante toda a mañá porque hai veciños que non localizamos e, ata que participen todos, non imos parar", asegura Belén Rigüela.

Polo momento, xa levan recollidas 102 sinaturas que, unha vez rematado o proceso, se presentarán ante compañía Telefónica a modo de reclamación. "Se rematamos mañá a recollida, presentareinas o venres. Non hai tempo que perder", conclúe Cardoso.

Terroso enteiro asina para reclamar un mellor servizo de telefonía
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade