Tamara Balboa: "Gustaríame implementar algunha iniciativa que nos achegase ás persoas maiores, prioritariamente, a aquelas que viven soas"
Tamara Balboa García (Vilardecervos, 1986) é desde este venres 6 de marzo de 2026 a nova alcaldesa de Vilardevós, tras asumir o bastón de mando en virtude do pacto de Goberno entre o PSdeG-PSOE e Interior Galego Vivo, que establecía unha alcaldía rotatoria durante o mandato municipal iniciado en 2023.
Traballadora social de formación, Balboa leva anos vinculada á dinamización do medio rural. Foi xerente do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e presidiu durante oito anos COCEDER, a Confederación de Centros de Desarrollo Rural, organización que agrupa entidades de toda España dedicadas ao desenvolvemento social e económico das zonas rurais.
Antes de asumir a alcaldía exerceu como concelleira de Festexos, Cultura, Deporte e Asociacionismo no Concello de Vilardevós, con competencias tamén en Protección Civil, dentro do Goberno de coalición municipal.
Nesta entrevista, a nova rexedora aborda os retos do municipio, a súa relación co persoal municipal, o balance da etapa anterior e os obxectivos para o tempo que resta de mandato.
Antes de preguntar polo obxectivos fixados para o seu período como alcaldesa, quixera saber se nalgún momento, logo daquelas discrepancias que xurdiron da aprobación da RPT do Concello, chegou a plantexarse non asumir a súa parte do acordo de Goberno.
Sempre prensamos no interese do Concello e o Concello precisa estabilidade, @s veciñ@s non lle importan as nosas discrepancias internas que non deberían ter trascendido, @s veciñ@s importánlle os resultados do noso Goberno.
A xa exrexedora asegura que esa posición non gustou no cadro laboral municipal. Considera que iso é así?
Hai cuestións políticas e negociacións políticas que deben quedar no ámbito da política, o erro foi levar a pleno unha proposta que non se negociara, nin falado co sosego que requiría, un Goberno de coalición require moito diálogo. @s traballador@s do Concello teñen todo o noso recoñecemento e traballaremos por mellorar a súa situación.
Entendo que boa parte dos éxitos da anterior alcaldesa tamén o son de vostede e do seu apoio no Goberno. Con que se queda da xestión da súa antecesora?
Loxicamente, dende Interior Galego Vivo aportamos, propuxemos e traballamos, foron anos difíciles, cando chegamos ó Concello non había case persoal e gustaríanos ir moito máis rápido nalgunhas cuestións. Loxicamente, foi Eva e as compañeiras do Partido Socialista as que viviron o día a día no Concello e as que tiveron un maior peso. Teño que recoñecer e sempre o fago e así o dixen o pasado día tres no pleno o traballo e o compromiso de Eva.
Algo que lle toque mellorar a vostede e que non se conqueriu na anterior etapa?
Neste Concello hai moitas cousas pendentes que non se poden realizar nun mandato, pero que si se poden ir encauzando, hai que seguir traballando intensamente na mellora dos servizos básicos, saneamento, abastecemento, mellora de vías, limpeza e mantemento de camiños rurais, recuperación do patrimonio material e inmaterial, hai moitos recursos neste Concello para pór en valor, e xa hai propostas nesta liña. Por suposto hai que seguir traballando na atención ás persoas, e xerar dinamismo para atraer poboación. Tamén creo que debemos fortalecer o sector primario e gustarianos que neste ano se encamiñara algunha iniciativa relacionada co castiñeiro e que fose pioneira nas nosas aldeas.
Luns 9 de marzo. Primeira hora. Cal vai a ser a primeira decisión da súa etapa?
Decisións radicais ningunha, estar no Concello ás oito mañá e atender as demandas dos veciñ@s, xestionar, traballar pola posta en marcha dos proxectos e empezar a contactar con outras administracións para concertar reunións nas que poder traballar por acadar colaboracións e inversións para Vilardevós.
Que queda por facer en Vilardevós para que ámbalas dúas se den por satisfeitas dese pacto de Goberno do 23?
Como ben dixen antes gustaríame deixar encamiñadas moitas cousas, ademais de executar os proxectos e as inversións pendentes, gustaríame colaborar na posta de algunha iniciativa relevante para o sector primario e algún proxecto de posta en valor do noso patrimonio, hai moita riqueza por estudar e que creo que sería moi relevante dala a coñecer. Tamén me gustaría implementar algunha iniciativa que nos achegase ás persoas maiores, prioritariamente, a aquelas que viven soas e ampliar os servizos de atención.
Teremos que agardar ao 27 para saber se repetirá candidatura... Ou xa o ten decidido?
Pasiño a pasiño faise o camiño, nestes momentos estou centrada en dar o mellor de min durante este ano, son consciente de que o 2027 está as portas pero quédanme moitos días para traballar por este Concello e servir @s veciñ@s. Eu e os meus compañeir@s demos este paso para traballar por e para Vilardevós ese é o noso compromiso e en función dos resultados tomaremos decisións futuras.