OBITUARIO | O olliño esquerdo do Tío Roquiño
Posuías o sorriso máis fermoso de todas as nacidas na Encomenda no pasado século. Non é que o diga quen suscribe por querelo para si naquelas tardes de tantos veráns que pasamos xuntos todos os adolescentes da Devesa, Osoño e Bemposta, Cavadas engadida. É que é certo.
Ninguén dos que tivemos a fortuna de coñecerte, sobre todo nas épocas da nosa maior inocencia -a túa permaneceu intacta até este maldito luns-, poderán negalo. Como tampouco podía facelo o teu avó baixo aquela parra a carón da escaleira onde merendabamos, día si e outro tamén, unha ducia deles á conta da Nieves.
O "tío Roquiño" era todo un catedrático. Serio cando tiña que selo, pero falador e bromista a maior parte das veces. Tiña unha debilidade: ti. Non tardaría en ter que repartirse, pero até que non foi, a "súa" Soraya era ese olliño polo que volver a mirar á vida coa dozura dos teus.
Eu ía a clase de mecanografía á casa de Carme, a filla do Pablo, no Peto. Foi ela quen me ensinou a ir rápido no teclado, malia as moitas tardes que lle dicía á Pepita que asistía e, pola contra, acababa no medio da Devesa a carón da capela, con todos e todas vos.
Por iso que, cando un tivo a fortuna de coñecerte, nos mellores e máis vitais momentos das nosas vidas; custoulle, e costaralle mundos por sempre só poder contemplar ese sorriso en imaxes.
Cando un pai como "Ringo" -o de mote, que non de nome- che di nada máis verme que "non se puido facer máis", é que abofé que así foi. Cando ves a unha Nieves á que non te atreves a falarlle porque hoxe non era naquel velorio nin sombra desa muller forte, incombustíbel e de coraxe que sempre coñecín; faste, facémonos unha idea da dor dunha nai por deixar ir á primoxénita da súa creación. Cando na igrexa do Hospital no que tantos Sanpedros vivimos non cabía un alfinete e mesmo agardaban fóra nunha tarde de lobos; comprobas que si, que a Soraya loira, crente, de lectura de Biblia no móbil e que a semana pasada decidiu -porque así o quixo e tamén o merecía- deixar de loitar logo de anos nesa incruenta e inxusta batalla; deixa fondísima pegada nos que quedamos, moitos de nós non merecentes desta prórroga que nos dan cada día ao amencermos.
Quédamos orfos da túa dozura, pero cheos desa candidez que desprendías e agradecidos polo teu tempo, o que nos adicache, confirmando unha vez máis, maldita sexa!, que o teu Deus é un egoísta.
Soraya Pérez Gamote finou aos 46 anos na Devesa (Vilardevós) logo de máis dun lustro sendo un verdadeiro exemplo de loita, determinación e forza tralo fatídico diagnóstico. Deixa un viúvo, Denis Fernandes; a Goku -o seu Golden- e unha grande dor nos pais Nieves e Antonio, nos seus tres irmáns -Eva, América e Ringo-, e en todas e todos os que a coñecimos.
D.E.P.