Eva Pérez considera prioritaria a xestión da biomasa e da superficie forestal no municipio

NOTICIAS VERÍN | A alcaldesa de Vilardevós solicitará un polígono agroforestal

A Casa da Cultura de Vilardevós quedou pequena ante a grande asistencia de persoas interesadas na xestión dos terreos forestais.

É un dos obxectivos marcados dende o goberno bipartito municipal: mellorar o aproveitamento e a xestión da superficie forestal e dos montes para ofrecer oportunidades de emprendemento e incrementar os beneficios económicos; ó tempo que se traballa na xestión da biomasa para a loita contra os incendios

Neste sentido, Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós, subliñaba que a súa intención é: "Trasladar á Consellería do Medio Rural a necesidade dun polígono agroforestal para a xestión da biomasa do concello porque está terrible". Vilardevós xa conta cun convenio con Medio Rural para a limpeza das faixas, pero o compromiso do Concello vai máis aló.

É un traballo difícil actualizar as comunidades de montes, pero moi necesario

Xa hai un mes, Eva Pérez mantiña un primeiro contacto cos presidentes das Mancomunidades de montes, coas asociacións e con representantes daquelas aldeas que non teñen creada entidade algunha para a xestión das masas comunais. Son os primeiros pasos dunha liña de traballo para poñer en valor os montes e terreos forestais e para xestionar a biomasa. 

Unha primeira reunión na que quedaba de manifesto os problemas que existen en Vilardevós en canto á xestión dos terreos comunais. Dende o Concello xa se está axudando na actualización dos estatutos e do censo de comuneros. "É un traballo difícil actualizar as comunidades de montes, pero moi necesario", subliñaba Eva Pérez.

Na charla participaron empresas especializadas en ordenación dos montes e en aproveitamento de resinas.

 

Charla informativa

Nesta liña de traballo para poñer en marcha un plan comunitario que permita incrementar a rendibilidade dos montes do municipio, ó tempo que mellora a xestión da biomasa ante o perigo de incendios, o venres celebrábase unha charla informativa dirixida ás Mancomunidades de Montes e a persoas propietarias de piñeiras e terreo forestal.

Un encontro no que participaban dúas empresas especializadas no aproveitamento para resina e de ordenación do monte que explicaron como darlle valor engadido ás masas forestais de piñeiros e da importancia dunha boa ordenación do monte para a loita contra os incendios.

Dende o Concello de Vilardevós traballan no compromiso coas Mancomunidades de Montes e cos propietarios, buscando financiamento a través das administracións e concienciando á veciñanza de cara a facer polígonos agroforestais ou parcelarias.