Da man do CDR Portas Abertas, o certame pecha na bisbarra a súa terceira edición

NOTICIAS VERÍN | O Festival de Saberes Pedra chega a Vilardevós este sábado

Ócar Penín e Lucía Rodríguez, coordinadores do Festival de Saberes Pedra. | FOTO: Universidade de Vigo.

Vilardevós acollerá o sábado o que será o último evento do Festival de Saberes Pedra na súa terceira edición. Unha proposta lúdica e educativa que pon en igualdade os saberes herdados, creativos e científicos para crear unha cultura aberta e participativa en espazos rurais.

Cinema, música ao vivo e unha visita arqueolóxica guiada son as actividades que se desenvolverán en Vilardevós, nunha xornada de ocio educativo e de aprendizaxe que chega da man do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas coa colaboración do Concello de Vilardevós.

A xornada arrancará ás 10:30h coa visita ó xacemento do Penedo Gordo para coñecer as pinturas rupestres que alí hai. Unha ruta que sairá dende o camposanto de Feilas e na que se dará a coñecer a contorna virtual das Pinturas Rupestres Prehistóricas da Comarca de Monterrei creada pola Universidade de Vigo no marco do proxecto PreMedia

PreMedia permite facer unha visita virtual ó Penedo Gordo é ó Castelo de Lorbazán.

Xa pola tarde, o cinema será protagonista coa proxección da documental Memoria na Pedra na Casa da Cultura de Vilardevós ás 19:30 horas. Ó remate, a música tomará o relevo co concerto de Díaz.

Proxecto rurAllure

O Festival de Saberes Pedra é unha iniciativa creada pola Universidade de Vigo para levar unha programación lúdica e educativa a espazos que soen ficar illados dos grandes circuítos públicos e privados de cultura xeralista. Coordinada por Óscar Penín e Lucía Rodríguez, persoal investigador do campus de Ourense, dá continuidade ó proxecto europeo rurAllure.

“Con Pedra queremos destacar a riqueza cultural, natural e humana dese Ourense interior; convidar ao diálogo ao redor do problema de despoboamento; promover o patrimonio cultural como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea; impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado coa memoria e co rural entre os máis novos”, sinalan desde a súa organización.