martes. 23.04.2024
Parque infantil de Florderrei, Vilardevós.
Parque infantil de Florderrei.

O PSdeG de Vilardevós esixe ao equipo do goberno, encabezado polo popular Manuel Cardoso, unha mellora das instalacións recreativas do municipio. "Comezando por Florderrei,​ onde o parque infantil ten tres ou catro metros de desnivel, con madeiras rotas e deterioradas, bancos inservibles e herba sen desbrozar”, afirma o socialista Julio Prada. "Tanto, que houbo veces que os veciños tiveron que desbrozar eles mesmos", engade.

Segundo a oposición, nesta época do ano na que a poboación se incrementa é un perigo aínda maior que no resto do ano. "Sempre é moi perigoso, pero agora hai o dobre de nenos. Florderrei é só un exemplo de outros moitos desperfectos que en 10 anos de goberno nunca foron arranxados”, sentencia o socialista.

Pola súa banda, o rexedor afirma que ese traballo de mantemento xa se está a realizar por iniciativa do goberno. "Non recibin queixa de ningún veciño porque ninguén se puxo en contacto comigo". Engade que seguirán avanzando nestas tarefas que “xa iniciamos, revisando todas as áreas que estiveran mal para arranxalas. Revisáronse todas. Nos nosos plans está que Florderrei se arranxe ao pasar agosto pero hai outras nas que xa estamos traballando como a Cidadella ou Berrande”, conclúe Cardoso.

NOTICIAS VERÍN | O PSdeG de Vilardevós esixe ao equipo de goberno unha mellor...