Xoves. 28.03.2024
Manuel Cardoso, alcalde de Vilardevós, con Baltar y Feijóo, en la inauguración del albergue de A Gudiña. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Manuel Cardoso, alcalde de Vilardevós, con Baltar y Feijóo, en la inauguración del albergue de A Gudiña. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O alcalde de Vilardevós, o popular Manuel Cardoso, vén de pechar a polémica xurdida polas declaracións do voceiro da oposición socialista, Julio Prada, no que acusaba ao primeiro edil do Concello de malgastar cartos públicos na retribución "dunha concelleira da que non se coñece que teña, ou tivera ata o de agora, funcións determinadas".

Segundo Cardoso, "a concelleira, aínda que o decreto das súas funcións se aprobase recentemente designado con claridade as súas atribucións, iso non quere dicir que non estivese traballando dende o mes de xaneiro. Paréceme unha ofensa que se poña en cuestión a súa adicación, é unha muller formada e que está moi pendente do día a día do Concello", apunta Manuel Cardoso, para concluír que "a facultade de designar adicacións exclusivas é propia do grupo de Goberno. Eu non discuto as que poden ter noutros concellos da súa cor política, e menos cando, como é o caso, é moi necesaria, como ocorre en Vilardevós". 

Paréceme unha ofensa que se poña en cuestión a súa adicación, é unha muller formada e que está moi pendente do día a día do Concello (Manuel Cardoso, alcalde de Vilardevós)

O alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, sae así ao paso das acusacións do líder da oposición, quen asegura que o Concello de Vilardevós vén de pagar unha adicación exclusiva a unha das súas concelleiras durante nove meses "por non facer absolutamente nada", no que considera o socialista un "evidente malgasto" dos cartos públicos da vila.

O voceiro do grupo municipal, Julio Prada, denuncia que, tras estes feitos "caciquís e decimonónicos", "queda claro que hai quen vén á política unicamente polos cartos" pero "non por ter vocación algunha de servizo público" e "moito menos con ganas de traballar polo ben da vila". "Con esta manobra, os populares evidencian bochornosamente que só miran polos seus intereses económicos e non polos de todos veciños e veciñas", advirte o edil socialista antes de sinalar que "a concelleira do PP debería explicar polo miúdo que fixo durante todos estes meses, ademais de estar de brazos cruzados".

Con esta manobra, os populares evidencian bochornosamente que só miran polos seus intereses económicos e non polos de todos veciños e veciñas (Julio Prada, voceiro socialista no Concello de Vilardevós)

Nun decreto asinado polo alcalde o pasado 5 de agosto, Cardoso recoñece que "certamente naquel acordo" do 3 de decembro do ano pasado "non se estableceu nin se concretaron as competencias e facultades a desenvolver pola concelleira, que pasaba a desempeñar o seu cargo en réxime de adicación exclusiva". Transcorrido todo este tempo, o alcalde acordou establecer unha delegación da área de "réxime interior e servizos administrativos municipais" na devandita concelleira.

O rexedor faculta agora á concelleira para "acceder ás aplicacións informáticas de xestión municipal, así como ás plataformas da Xunta e da Administración Xeral do Estado por medio das que o concello se relaciona con esas administracións". Entre os traballos que lle adxudica figuran "a realización de propostas concretas para levar a cabo a xestión das actividades e asuntos" e a "asistencia permanente ao alcalde".

"Tras nove meses aos biosbardos a costa de todos e todas nós, Rigüela vai exercer agora, se é que o fai realmente, funcións puramente administrativas sendo un cargo político", grazas "única e exclusivamente a unha decisión partidista, discrecional e a dedo do alcalde", denuncia Prada quen salienta que neste concello "temos varias vacantes postos de traballo de administrativos que o goberno local do PP non cubre".

"A concelleira pasou de cobrar por non facer nada a cobrar por facer un traballo impropio" que non debería executar, "xa que son funcións propias de empregados e empregadas públicos" advirte o voceiro do PSdeG-PSOE antes de sinalar que, desde o grupo municipal "pedirán explicacións detalladas" ao goberno local "ante un alarde evidentísimo de mala xestión e amiguismo". "Quedou claro que as prioridades de Cardoso parece que son dar cartos a concelleiros e concelleiras do seu partido" cunha evidente "falta de transparencia e rendición de contas ao pobo", conclúe.

Prazas públicas sen convocar

Cardoso non nega que estén sen convocar postos de funcionario do Concello de Vilardevós, "pero iso non é vinculante para que este grupo de Goberno decida contar cun posto de designación política como así o atribúen as nosas competencias. As prazas pendentes de funcionarios non se teñen convocado, fundamentalmente, porque este municipio leva sufrindo a falta de secretario, de xeito intermitente pero constante, dende que faleceu o seu titular, circunstancia que supón un notable atranco en moitos dos trámites e accións deste Executivo", remata o rexedor. 

NOTICIAS VERÍN | O alcalde de Vilardevós pon fin á polémica: "A decisión de outorgar...