viernes. 19.04.2024
PHOTO-2021-06-01-10-26-34
A 'Costureira de Moialde', Maryan Rodríguez, cunha das súas creacións. | FOTO: M. D.

Maryan Rodríguez, máis coñecida como A Costureira de Moialde, non se adica profesionalmente á costura pero fixo da súa paixón polo mundo medieval unha vía de escape para a súa creatividade. Esta axente forestal, natural da localidade de Moialde (Vilardevós), pasou máis de media vida en Zamora. Hai uns anos decidiu regresar e xa non volveu marchar. "Vin estudar e ese ano descubrín por primeira vez o que era ese Entroido do que tanto me falaran. Mesturei a miña paixón pola cultura castrexa coa labor de confeccionar os meus propios traxes de Entroido", conta Maryan. E así comezou esta aventura coa que pasa o seu tempo libre dende hai xa máis de dez anos.

PHOTO-2021-06-01-10-26-40A Costureira de Moialde, cun dos seus deseños. | FOTO: M. D.

Maryan declárase abertamente autodidacta e confecciona traxes para o seu propio beneficio. "Fago todos os traxes coas miñas medidas. Gústame tanto que todo o fago para min. Disfruto tanto cosendo como vestindo os meus traxes. O importante é gozar do que fas e eu podo asegurar que o fago. Todo isto encántame", engade. Non obstante, recoñece que persoas próximas mostraron interese en facerse con algún dos seus deseños. "Moitas amigas pídenme que lles faga traxes e outras pezas con coiro. Incluso que lles preste os que xa teño feitos. Se a alguén lle valen, por suposto que os presto", conta, sorrindo.

PHOTO-2021-06-01-10-26-44Maryan Rodríguez cosendo no seu estudo. | FOTO: M. D.

Confecciona traxes medievais, celtas, viquingos; todo con materiais en coiro, liño, lá, algodón... Moi habituais naquela época. Ademais, recicla todo tipo de teas e artiluxios. "Fixen un corsé co valado do galiñeiro de meus avós e agora estou cun vestido feito dunha colcha que unha veciña quería tirar", conta, mentres rí. Leva algún tempo desenvolvendo todas estas actividades nun estudo que ela mesma acondicionou. "Sentía a necesidade de ter o meu propio espazo. Antes cosía na miña casa pero sempre souben que necesitaba algo máis". Un estudo moi ben equipado onde tamén elabora accesorios de coiro, como bolsos ou carteiras e, nesta última parte, máscaras para a súa xente máis próxima. "Algún veciño de Moialde pediume máscaras e por iso comecei a facelas", conta. Aínda que ten moitos seguidores e un gran talento, polo momento non se plantexa facer desta afección o seu traballo. "De momento non aínda que non o descarto. Ten en conta que eu non estudei moda, e non controlo técnicas, como por exemplo, a patronaxe", afirma Maryan, quen xa está a tomar cursos en liña para mellorar nestas 'materias pendentes'.

Un traballo de 'premio'

A pesar de non ser a súa actividade profesional, a súa afección pola costura e polos motivos medievais levaron a Maryan Rodríguez a conseguir varios premios polos seus deseños. O máis próximo foi o Concurso Fotográfico do Entroido, iniciativa de @descubremonterrei, no que presentou fotografías con dous dos seus traxes. Tamén triunfou máis alá das nosas fronteiras e chegou ata a provincia de Lugo. En dúas edicións consecutivas do festival Arde Lvcvs, logrou ser a raíña do certame de caracterización castrexa. O éxito das súas creacións tamén está a ser internacional. Un deses deseños resultou ser o vencedor no concurso Guarda-Roupa Galaico Romano celebrado en Chaves e organizado pola Biblioteca Municipal da localidade lusa.

Agora, segue a traballar en novos deseños aínda que "ao meu ritmo. Sempre cando teño tempo libre e me apetece. Cando coses forzada non sae nada ben", conta. Polo momento, varios dos seus deseños poden ser contemplados na xoiería Pato, situada na rúa Maior, número 3 de Verín.

A Costureira de Moialde, unha 'premiada' amante do mundo medieval