martes. 23.04.2024
Hermelinda Fernández, no momento na que agasallan coa tarta de cumpreanos.
Hermelinda Fernández, no momento na que a agasallan coa tarta de cumpreanos.

A miña avóa Rosa, se vivise e coñecese á Hermelinda, diría dela que está "rexa". De seguro que é a mellor definición que se lle pode dar a esta muller que vén de achegarse aos cen anos de idade só apoiada, levemente, dun caxato. Este xoves día 9, no seu Vilarello natal, cumpriu a centuria e a súa familia quixo agardar ata este sábado, no mesón Muxía de Vilardevós, para darlle a súa cumprida homenaxe e agasallala, non só do afecto de todos os seus parentes, senón tamén dunha chea de presentes. Detrás de toda a organización, aínda que todos colaboraron, estaba a súa neta "Minda" Sotelo, que se sinte, e así o manifesta, moi achegada a unha avóa que en non poucos momentos da súa vida se tornou unha segunda nai.

herme2

José Antonio Sotelo (neto), Hermelinda Fernández (a centenaria), Josefa Fernández (filla) e "Minda" Sotelo (neta), este sábado no mesón Muxía de Vilardevós. 

Hermelinda Fernández naceu naquel 9 de xaneiro de 1920, en Vilarello da Cota, Vilardevós. Como calquera cativa de entón, tivo a infancia humilde que a penuria e a época facían estilar. A duras penas compaxinaba os primeiros anos de vida coa escola e as tarefas que lle encomendaban seus pais, mesmo de moza. Chegou a botar un mozo moi preto da súa aldea, pero do val, en Mandín (Verín). Mozo que de seguro lle deixaría un dos seus máis prezados tesouros, a súa filla Josefa Fernández, pero que lle costou a ela e aos seus pais o maior dos disgustos. Con 23 anos, unha rapariga de ben de Vilarello, quedaba encinta sen se ter casado. Toda unha deshonra para un pai que non quixo saber nada do mozo da súa filla Hermelinda. E así foi como esta muller agora centenaria comezou a súa andaina vital cunha cativa que agora xa ten 77 anos e que lle deu tres netos -José Antonio; Miguel, falecido, e Hermelinda "Minda" Sotelo Fernández- e outros tantos bisnetos -José Antonio, Lorena e Tania-.

Hermelinda tamén probou sorte na emigración, e consumiu sete anos deses recén estreados cen en Alemania. Volvería de novo ao estranxeiro cando a súa neta "Minda" deu a luz á súa filla Lorena en Andorra. O sentimento de familia que sempre mantivo Hermelinda levouna a emigrar de novo, aínda que desta vez sen ter que traballar. "Minda" sempre tivo un apego especial ca súa avóa e ésta non foi menos ca que seguro sempre foi a súa preferida.

Hermelinda Fernández, facendo que fuma.Hermelinda levou con moi bo humor que os seus netos lle desen un cigarro para fumar. 

Este sábado, no mesón Muxía de Vilardevós -con nova xerencia aínda que, de xeito esporádico, ca cociñeira de sempre-, uns trinta achegados festexaron os 100 anos de Hermelinda e alí quixeron que estive Diario do Támega. A protagonista non deixou de estar pendiente de todo, ata da conta do restaurante, nos últimos minutos. Soprou por partida dobre as velas dos tres díxitos dos cen e, lonxe de pedir para ela, no momento dos desexos, pediu saúde para os que estaban.

Esa muller miúda que construiu unha familia da nada e "ten unha analítica dun de corenta anos", segundo di "Minda" que asegura o seu médico; nin na súa celebración máis salientable deixou de pensar nos seus. Como leva feito nos últimos cen anos...  

Vilardevós xa ten unha nova centenaria en Vilarello da Cota: Hermelinda Fernández