Dúas irmás de Viana do Bolo exemplifican o relevo xeracional no rural grazas ás axudas públicas

A Xunta inviste máis de 2 millóns para que 52 mozos ourensáns arrinquen no agro

Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense visitou a explotación gandeira Arco da Vella en Viana do Bolo.

A Xunta de Galicia destinou máis de dous millóns de euros para apoiar a incorporación de 52 mozos e mozas ao sector agrario na provincia de Ourense. Así o anunciou este mércores o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, durante unha visita á explotación gandeira Arco da Vella, situada no concello de Viana do Bolo e rexentada polas irmás Marta e Susana Hervella, beneficiarias desta liña de axudas.

A contía recibida por cada unha delas ascende a 45.000 euros, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, que dá continuidade ás políticas de apoio ao agro galego iniciadas co Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Segundo destacou Pardo, estas achegas buscan garantir a continuidade do tecido agrario, modernizar as explotacións e facer máis competitivo o sector.

Visita a explotación gandeira Arco da Vella.

 

Durante a visita, na que tamén participou o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, o delegado territorial presentou a nova convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural. Cun orzamento total de 36 millóns de euros, esta orde está dirixida a financiar plans de mellora nas explotacións, a creación de novas empresas agrarias por parte de persoas mozas e o desenvolvemento de pequenas explotacións.

O prazo para presentar as solicitudes permanece aberto ata o 28 de xullo. Dos 36 millóns dispoñibles, 30,5 destínanse especificamente ao establecemento de agricultores mozos e á modernización das explotacións, mentres que 5,5 millóns están reservados para os plans de mellora das persoas que se incorporaron ao agro en convocatorias anteriores.

O obxectivo destas axudas é triplo: reforzar a estrutura produtiva, rexuvenecer a poboación activa do campo e fomentar o emprego no rural, con especial atención á participación das mulleres.

A Xunta tamén lembra que para optar ás axudas de incorporación hai que ter entre 18 e 40 anos, presentar un plan empresarial, comprometerse a permanecer na actividade durante cinco anos e participar no programa de titorización da Consellería. A contía base é de 30.000 euros, pero pode chegar ata os 70.000 euros en función de diversos criterios.