É unha nova iniciativa do CIM

NOTICIAS VIANA | Unha vintena de cativos participaron nos obradoiros Semente de Igualdade

Os cativos elaboraron un cartel con Frida Khalo como protagonista.

O Concello de Viana do Bolo e o CIM da localidade apostaron por unha nova iniciativa de conciliación que contou cunha boa acollida. A primeira edición dos obradoiros Semente de Igualdade rematou coa participación de máis de 20 cativos que, ao longo de nove días, desfrutaron de numerosas actividades.

A gran maioría dos días desenvolvéronse na Casa da Cultura, onde cada mañá se deron cita os cativos que participaron nestes obradoiros. Pero tamén houbo algunhas saídas, como a que fixeron ás piscinas municipais o último día no que se despedieron. Esa derradeira xornada tamén contou cunha visita ao Concello, onde se lle entregou un diploma como participantes de Semente de Igualdade.

Esta iniciativa, destinada á cativada nacida entre 2011 e 2016, tiña por obxectivo promover a igualdade entre a cativada vianesa e por iso contaron con varias actividades con manualidades e moito máis. Ademais, abordaron outros temas como a alimentación saudable e tamén contaron cunha xornada especial adicada ao colectivo LGTBI, coincidindo co Día do Orgullo.

Os nenos do obradoiro Semente de Igualdade levaron un diploma pola súa participación e estiveron no Concello.