Terán lugar ao longo do mes de marzo

NOTICIAS VIANA | O Concello conmemora o Día Internacional da Muller con actividades

Cartel das actividades que terán lugar en Viana do Bolo con motivo do Día Internacional da Muller.

O Concello de Viana do Bolo prepárase para a chegada do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, xornada pola que organizará diversas actividades ao longo de todo o mes. En colaboración co Centro de Información á Muller e a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, conmemorarán este día con iniciativas que impliquen á cidadanía para acadar unha igualdade real.

Durante todo o mes de marzo ofrecerán obradorios de empoderamento feminino, unha das primeiras actividades que acompañarán a esta data. O vindeiro 6 de marzo, terá lugar o obradoiro "Mulleres inventoras" no CEIP Bibei, como preludio do día 8. Nesa xornada celebrarase un "camiño da igualdade", haberá unha concentración na que se lerá un manifesto e rematarase cun xantar popular de mulleres.

As actividades continuarán o 14 de marzo co espectáculo teatral "Mai, mai", que se poderá ver na Casa da Cultura. Unha das últimas partes desta programación serán os obradoiros sobre "Prevención da violencia no contexto dixital", que se achegarán os días 20 e o 21 ao colexio BIbei e ao IES Carlos Casares.