NOTICIAS VIANA | O BNG esixe explicacións á Xunta pola "obra megalómana" da Praza de Abastos
O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través do seu deputado Secundino Fernández, presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixir explicacións á Xunta sobre a rehabilitación da Praza de Abastos de Viana do Bolo, unha obra que cualifican de "megalómana, sen utilidade e cun forte investimento de fondos públicos".
Segundo o BNG, esta obra, adxudicada en 600.000 euros (70% achegados pola Xunta e o 30% restante polo Concello), rematouse hai máis de dous anos e, a día de hoxe, "segue pechada sen ningunha utilidade". Secundino Fernández lamenta o "malgasto de fondos públicos" e a "nula capacidade de xestión" por parte do goberno local de Andrés Montesinos. O deputado nacionalista subliña que o Concello de Viana do Bolo achegou máis de 200.000 euros das arcas municipais, un "esforzo económico importante" para unha obra que, segundo el, carecía de interese para a maioría dos veciños e veciñas, que tiñan "outras moitas necesidades" no concello.
Ante esta situación, Secundino Fernández diríxese á Xunta de Galicia no Parlamento para obter as respostas que, segundo el, o señor Montesinos nunca facilitou nos plenos municipais de Viana. Entre as preguntas formuladas, o BNG quere saber a valoración que fai a Xunta sobre o investimento realizado, os criterios para adxudicar 600.000 euros a esta "obra innecesaria", se tivo en conta o nulo interese veciñal á hora de empregar esa cantidade de fondos, se ten constancia de que o edificio segue pechado e se esixirá que se lle dea uso.