O lume avanza sen control no Parque Natural do Invernadeiro e arrasa con 1.800 hectáreas
O Parque Natural do Invernadeiro en Vilariño de Conso, concretamente en Pradoalbar, segue ardendo por cuarto día consecutivo e as tarefas de extinción complícanse cada vez máis. Medio Rural estima que a superficie afectada polo momento xa é de 1.800 hectáreas, das que mil se calcinaron desde onte, deixando unha negra paisaxe nun entorno protexido.
A Brif de Laza segue traballando na súa extinción xunto a outros medios, pero non está a ser sinxelo. A fronte do incendio abarca moitos quilómetros nun terreo de difícil acceso e conta con varias cabezas que se están a reproducir polas grandes dimensións do lume.
No control deste incendio traballaron ata o de agora 2 técnicos, 15 axentes, 39 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 4 avións e 9 helicópteros.