A iniciativa nace para compensar a falta de axudas nesta etapa non obrigatoria

O Concello de Viana cobre o oco de Infantil cun vale de 60 € para material escolar

As persoas beneficiarias poderán utilizar o vale ata o 15 de novembro no comercio local de Viana.

O Concello de Viana do Bolo pon en marcha o "Vale infantil", unha axuda económica directa destinada a todo o alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil (3 a 6 anos) escolarizado no CEIP Bibei. A iniciativa nace da "consciencia do elevado custo" que supón esta etapa, que non conta con axudas para libros ou material escolar por parte doutras administracións.

Apoio directo e consumo local

O apoio municipal tradúcese nun vale por importe de 60 € que se outorgará a todos os nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos de Educación Infantil. A medida leva un obxectivo dobre: por unha banda, aliviar o gasto familiar e, por outra, incentivar o comercio local. O vale deberá gastarse obrigatoriamente nunha soa vez en calquera establecemento comercial de Viana do Bolo.

O importe pode destinarse a adquirir "calquera ben necesario para a educación e mantemento do seu fillo/a", apuntan dende o Concello, incluíndo unha ampla variedade de produtos como alimentación, material escolar e libros, deportes, medicinas, roupa ou calzado.

Prazos e tramitación

As persoas beneficiarias do vale teñen como data límite para realizar a compra e entregalo no establecemento o día 15 de novembro. Non se poderán recoller vales con posterioridade a esta data. Unha vez realizada a compra, os establecementos comerciais deberán presentar unha factura única cos importes de todos os vales, xunto cos vales en papel cubertos, na semana do 17 ao 21 de novembro de 2025.

Para calquera dúbida ou aclaración, as familias poden contactar cos Servizos Sociais do Concello no número de teléfono 988 329 260.