Os traballos comezaron este 1 de xullo

A Deputación limpará as 4.000 toneladas de entullo da Bouza en dúas semanas | NOTICIAS VERÍN

A Deputación de Ourense mobiliza retroescavadoras e camións para limpar máis de 4.000 toneladas de material.

Deputación de Ourense iniciou os traballos de retirada de entullo nas zonas máis afectadas polas recentes tormentas e riadas que golpearon o concello de Viana do Bolo. A institución provincial, a través da Área de Infraestruturas, declarou o trámite de urxencia para iniciar de xeito inmediato os labores de desentullo nos núcleos da Bouza e Pixeiros.

Os traballos comezaron esta mañá na Bouza, unha das localidades máis prexudicadas polas fortes riadas do pasado 17 de xuño, coa prioridade de retirar todos os materiais que soterraron a zona central da poboación.

Maquinaria traballando na retirada de entullo no núcleo da Bouza, en Viana do Bolo.

A execución destas tarefas foi encargada ao medio propio Tragsa, que xa mobiliza maquinaria pesada na zona —retroescavadoras, camións e miniescavadoras— para facer fronte á retirada de máis de 2.000 metros cúbicos de material acumulado, o equivalente a máis de 4.000 toneladas de entullo.

A Deputación xa mobilizara, horas despois de suceder a catástrofe, os seus propios medios técnicos e materiais co obxectivo prioritario de abrir o leito do regato, afluente do Rego Canela, para evitar que o problema se agravase ou se producisen novos desbordamentos en caso de novas choivas.

Visita ós pobos de A Bouza e Pixeiros no concello da Viana do Bolo, para o inciio das obras de limpez e reconstrución polos danos causados polas riadas do pasado mes de xuño.

Unha vez garantida a seguridade preventiva, os traballos céntranse agora na retirada efectiva de todo o material depositado pola forza da auga. En primeiro lugar, as tarefas centraranse na limpeza dos lodos, terras e sedimentos fluviais arrastrados polo río e, posteriormente, procederase á retirada dos residuos de construción e demolición das vivendas e alpendres afectados.

Segundo as previsións, os traballos deberán finalizar nun prazo de entre 10 e 15 días.