Así de perigosa está a estrada de Fornelos da Cova, en Viana
O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia o "lamentable" estado no que se atopa a vila e os núcleos de poboación do concello, por mor da "deixadez e inacción" do equipo de goberno do Partido Popular. As e os socialistas poñen o foco na estrada que comunica a capitalidade con Fornelos da Cova, que se atopa nun estado "total" de deterioro, o que impide o tránsito normal de persoas e vehículos e representa un "perigo para a seguridade das e dos usuarios".
Dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo esíxenlle ao alcalde do PP, Andrés Montesinos, que "acometa o arranxo da estrada sen máis dilación" e sinalan que esta estrada "é a vía de acceso que lle permite á veciñanza de Fornelos da Cova acudir a Viana do Bolo a realizar as súas compras, xestións bancarias e sanitarias e atópase practicamente inutilizable e abocada a ser cortada de maneira definitiva".
Un ano sen resposta do goberno municipal
Dende o grupo municipal socialista explican que xa no pleno do 18 de xaneiro de 2024 presentaron unha moción neste senso, aprobada por unanimidade, e na que instaban ao goberno municipal a acometer o arranxo desta estrada. "Transcorridos 15 meses nada se fixo, motivo polo que as fochancas se fixeron máis pronunciadas, convertendo a estrada nun perigo extremo, na que os vehículos deben achegarse a beira da mesma para sortealas, co risco de poder caer ao río", sinalan as e os socialistas.
Máis dun ano despois, no pleno celebrado o 16 de marzo de 2025, as e os socialistas volveron preguntar "se agora, co tempo favorable, se ían acometer as obras e como se ían financiar, xa que o alcalde decidiu destinar a outros investimentos o plan CooperOU deste ano". Segundo explica García-Ávila Arias, voceiro socialista no municipio, "non se contempla dentro das actuacións do CooperOU acometer a reforma da estrada a Fornelos da Cova e ante esta situación o rexedor respondeu que se optaría por unha subvención". Neste senso tamén apunta que "esta é unha nova escusa e tememos que o arranxo sega sen materializarse".