Restricións no Deporte Federado ao aire libre

A Xunta mantén a alerta vermella por calor en 120 concellos, incluída a montaña de Ourense

As piscinas municipais convértense nunha das principais actividades para combater a calor extrema. | FOTO: Noelia Caseiro.

Segundo os datos enviados por MeteoSalud, e no marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta manterá este domingo a alerta vermella por episodio de calor en 120 concellos.

nivel 3, vermello, afectará ás zonas isoclimáticas do interior da Coruña, centro de Lugo, montaña de Lugo, sur de Lugo, montaña de Ourense e interior de Pontevedra. O nivel 2, laranxa, afectará ao suroeste da Coruña, ao Miño de Ourense, ao litoral de Pontevedra ou Rías Baixas e ao Miño de Pontevedra. O nivel 1, amarelo, afectará ao noroeste da Coruña, a Valdeorras e ao noroeste de Ourense.

Recomendacións fronte á calor emitidas pola Consellería de Sanidade.

A previsión é que a situación de altas temperaturas se manteña en toda Galicia, polo que as alertas permanecerán activas por posibles efectos adversos para a saúde durante varios días.

No eido deportivo, a Secretaría Xeral para o Deporte determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior de 12:00 a 20:00 horas nas zonas afectadas pola alerta vermella, entre elas a zona de montaña da provincia de Ourense. Nas zonas con alerta laranxa non se suspende a actividade, pero recoméndase adaptar os horarios evitando as horas de maior calor.

A exposición a temperaturas excesivas pode provocar mareo, cansazo, debilidade, cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor. Os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e os menores de 4, así como quen padece enfermidades cardiovasculares, diabetes, EPOC ou outras patoloxías crónicas.

Entre as recomendacións xerais, a Consellería de Sanidade insta a beber máis líquidos sen esperar a ter sede, evitar bebidas alcohólicas ou moi azucradas, usar roupa lixeira e de cores claras, permanecer en espazos ventilados e evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor. En caso de esgotamento ou golpe de calor, recoméndase chamar de inmediato ao 061.

Na comarca, están afectados polo nivel de alerta vermella (montaña de Ourense) concellos como A GudiñaViana do BoloA Mezquita ou Riós.