Oportunidade para revitalizar o rural

A Xunta impulsa o plan de vivenda laboral para fixar poboación e atraer talento | NOTICIAS VERÍN

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, detalla en Verín as liñas de axuda para a rehabilitación de vivendas para traballadores. | Foto: Noelia Caseiro.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo este martes un encontro informativo en Verín co obxectivo de presentar as oportunidades que abre a nova liña de axudas para a rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras no rural. A xornada de traballo, que se desenvolveu co tecido produtivo da zona, contou coa implicación directa de Esther Gómez, presidenta da Asociación de Empresarios de Verín (Aever), e de Alberto Prieto, presidente da Asociación de Hostaleiros da comarca, co fin de dar resposta á demanda de man de obra cualificada en sectores estratéxicos do municipio.

Esther Gómez, presidenta de Aever, durante a súa intervención. | Foto: Noelia Caseiro.

Durante a xuntanza, José González incidiu no compromiso do Goberno galego como unha Administración facilitadora, orientada a acompañar ás persoas emprendedoras e reducir barreiras. O conselleiro expuxo as liñas de acción para adaptar as políticas públicas ás necesidades reais dos profesionais ante retos compartidos como a cobertura de vacantes, a atracción de talento, a remuda xeracional ou o absentismo laboral. A este respecto, puxo en valor o traballo que se está a realizar no marco do Diálogo Social co fin de contar cun borrador do plan integral contra o absentismo na primeira quincena de xullo.

Alberto Prieto, presidente da asociación de hosteleiros, tomou a palabra para dirixirse aos presentes. | Foto: Noelia Caseiro.

Así mesmo, o titular de Emprego salientou o esforzo da Xunta para reforzar o tecido autónomo a través dun paquete unificado de axudas de preto de 41 millóns de euros. Entre as medidas, destacou o Bono Remuda, dotado con 1,5 millóns de euros para que novos emprendedores collan a testemuña de negocios viables. No eido do comercio de proximidade e o emprendemento local, reivindicou o papel da Rede de polos —cunha oficina activa en Verín—, que xa asesorou máis de 1.300 proxectos na provincia, e o impacto dos Bonos Activa Comercio, que mobilizaron 1,7 millóns de euros en Ourense con 900 establecementos adheridos.

O parlamentario autonómico Victor Baladrón, un dos asistentes ao acto. | Foto: Noelia Caseiro.