A Xunta desprega 14 antenas satélite e 80 km de fibra para garantir as comunicacións sanitarias
A Xunta de Galicia restablecerá desde mañá a asistencia sanitaria en todos os centros de saúde da provincia de Ourense, tras un operativo sen precedentes que incluíu o despregamento de 14 antenas satélite e máis de 80 quilómetros de fibra óptica para recuperar as comunicacións afectadas polos incendios forestais.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, os lumes provocaron danos na rede eléctrica e en infraestruturas de comunicacións, o que obrigou a reorganizar temporalmente a asistencia concentrando a atención médica nos centros cabeceira e mantendo o servizo de enfermería en todos os puntos. A pesar das dificultades, a planificación destes dous días garantiu a atención a toda a poboación sen interrupcións.
O operativo, coordinado pola Xunta, contou coa participación de 57 traballadores de Telefónica, que instalaron as antenas Starlink nos hospitais de Valdeorras e Verín e en centros de saúde de Trives, Verín, Viana do Bolo, A Rúa, O Barco, Vilardevós, A Mezquita, Ribadavia, A Veiga, Laza, Larouco e Manzaneda. Ademais, mobilizáronse catro unidades móbiles para reforzar a cobertura telefónica e catro grupos electróxenos que aseguraron a estabilidade enerxética.
A administración galega tamén enviou máis de 35.000 SMS para informar á cidadanía sobre os cambios organizativos, minimizando desprazamentos innecesarios e evitando incidencias.
A Consellería de Sanidade destacou o esforzo do persoal do Sergas, dos equipos de comunicacións e loxística, así como das empresas colaboradoras, protección civil e forzas de seguridade, que fixeron posible manter a asistencia sanitaria mesmo nas condicións máis adversas.