Novo acordo para modernizar mercados

Xunta e Deputación asinan un protocolo clave para o comercio de proximidade | NOTICIAS VERÍN

O presidente provincial e o conselleiro autonómico formalizan o acordo para a mellora comercial.

Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia veñen de selar un acordo estratéxico para transformar os espazos comerciais da provincia. O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asinaron un protocolo que senta as bases para modernizar as instalacións tradicionais e convertelas en grandes escaparates do produto local. Neste acto, celebrado no Pazo Provincial, tamén estiveron presentes o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e a directora territorial, Marta Vázquez.

O documento establece un marco de financiamento onde a consellería achegará o 70 % dos custos, a institución provincial un 20 % e os respectivos concellos o 10 % restante para acometer as reformas necesarias. As intervencións financiadas mediante este convenio teñen como obxectivo adaptar os recintos aos novos hábitos dos consumidores, incorporando equipamento moderno e xerando novos servizos complementarios para revitalizar o comercio e a actividade económica nas vilas.

Durante a sinatura, Luis Menor destacou que a administración ourensá consolídase como a entidade galega con máis liñas de colaboración co Goberno autonómico, sinalando ademais que a meta é "potenciar o mercado tradicional, dar valor á actividade dos produtores e promover o consumo de produtos de proximidade". Engadiu tamén que isto reflicte o esforzo por recuperar estes espazos e situar á institución como un instrumento de apoio económico clave. Pola súa banda, o conselleiro José González detallou que as prazas beneficiarias deberán contar cunha diagnose de situación e usos, así como cun proxecto de reforma, cumprindo os requisitos para alcanzar o recoñecemento de excelencia comercial.