A medida súmase á suba de cinco euros por hora aprobada recentemente

A Xunta declara as prazas de Urxencias do CHUO como postos de difícil cobertura | NOTICIAS OURENSE

Fachada do Hospital de Verín, un dos sete comarcais que xa contaba con esta consideración.

Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de lei polo que as prazas de persoal médico das Urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) serán declaradas como postos de difícil cobertura, unha medida excepcional que permitirá ofertar as vacantes polo sistema de concurso de méritos —valorando experiencia e formación sen necesidade de superar un exame de oposición—.

A medida responde á situación do servizo de Urxencias do CHUO, que dispón dun cadro de 50 prazas de persoal médico das que actualmente só están ocupadas 25, é dicir, a metade. Segundo informa a Xunta, as vacantes non se están a poder cubrir a través das listas de contratación ordinarias: no mes de xuño realizáronse chamamentos para cubrir seis vacantes e só foi atendido un, quedando o resto desertas.

Na actualidade, o servizo mantense grazas ao esforzo extraordinario dos profesionais en activo, a contratos de interinidade por acumulación de tarefas e ao programa especial de urxencias que permite a facultativos doutras áreas prestar apoio no servizo de Ourense.

O proxecto de lei establece ademais unha valoración especial da experiencia profesional: cada mes de servizos prestados nas Urxencias do CHUO computará o triplo da puntuación que se estableza con carácter xeral para futuros procesos selectivos ou concursos de traslados.

As prazas das Urxencias de Ourense sumaranse ás dos sete hospitais comarcais que xa teñen esta consideración: CeeO BarbanzaA MariñaMonforte de LemosVerínO Barco de Valdeorras e O Salnés.

A aprobación definitiva do proxecto de lei requirirá a súa tramitación no Parlamento de Galicia e a posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

Esta medida súmase ao paquete de melloras retributivas aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta, que inclúe un incremento de 5 euros por hora na xornada complementaria dos facultativos de Urxencias —ata os 34,56 euros en 2026 e 37,56 euros en 2027— e que supón de media 3.560 euros máis ao ano por cada médico. A Xunta destaca ademais que na actualidade hai 149 prazas máis de médicos de urxencias nos hospitais públicos galegos que en 2024.