Martes. 19.03.2024
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, falou hoxe nos micrófonos da Radio Galega.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, falou hoxe nos micrófonos da Radio Galega.

O comité clínico que asesora á Xunta durante a pandemia baralla volver aplicar o chamado "modelo O Carballiño" ou "algunha variante" nos municipios máis afectados pola pandemia do coronavirus. É dicir, estuda un peche xeneralizado da hostalaría e outras actividades non esenciais co obxectivo de "limitar a mobilidade" e que os galegos "teñan menos interaccións" sociais.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, na que recoñeceu que o ascenso dos contaxios de covid - 19 na Comunidade é "preocupante", aínda que non sexa "exponencial", despois da marca de positivos diarios alcanzado este sábado, con case 800.

Neste contexto, Comesaña vinculou o empeoramento da situación coas reunións de Nadal e Noitevella, xa que o incremento se observa "desde o día 5 ou 6 de xaneiro", pero avisou que aínda hai tempo para que afloren máis casos derivados destas datas.

Por iso, tras unha fin de semana no que as cidades de Santiago, A Coruña e Ourense pasaron aos niveis máximos de restricións--peche da hostalaría ás 18,00 horas-, o conselleiro incidiu en que o comité clínico ten enriba da mesa "unha batería de medidas", entre as que estaría o "modelo O Carballiño".

Este modelo, que implicou ''peche de toda actividade non esencial no municipio ourensán que lle dá nome, estendeuse logo a outras áreas da provincia e mesmo ás sete grandes cidades. Agora, o comité clínico, que volverá reunirse o martes, baralla utilizalo de novo ou algunha variante". "A idea é pór medidas para limitar a mobilidade e que os galegos teñan menos interaccións", xustificou Comesaña.

A idea é pór medidas para limitar a mobilidade e que os galegos teñan menos interaccións (Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade)

Aínda así, dixo que "non é descartable unha medida conxunta da hostalaría" para toda Galicia e que teña que pechar ás 18,00 da tarde. "Analizamos todas as posibilidades e valorámolo coas consellerías asociadas ao sector", engadiu.

Non é descartable unha medida conxunta da hostalaría (Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade)

 

Perimetrar a Galicia urbana

Ademais, o conselleiro recoñeceu que "é unha posibilidade" que se volva a perimetrar a Galicia urbana con carácter xeral, aínda que o comité clínico se decanta por "traballar de forma cirúrxica, vendo ao detalle cada situación". Neste contexto, tamén admitiu que "está enriba da mesa" abandonar o concepto de améndoas -grupos de municipios perimetrados de forma conxunta, como Santiago, Ames e Teo-, porque "manter eses confinamentos tan grandes ás veces non é fácil".

Manter eses confinamentos tan grandes ás veces non é fácil (Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade)

"Estamos a ver os pros e os contras e a decisión tomarase nos próximos días", avanzou, coa vista posta na próxima reunión do comité, na que tamén se prevé adoptar "algunha outra medida" para Ferrol pola subida da incidencia.

Sexan cales sexan as medidas, Comesaña apelou a "dar un tempo prudencial" a que teñan efecto, xa que os resultados non son palpables "ata que non pasan 15 días", como mínimo, no que respecta á capacidade asistencial.

Preguntado sobre unha eventual limitación de mobilidade por franxas de idade, o conselleiro de Sanidade insistiu en que o comité clínico "nunca" descarta "ningunha posibilidade", pero non é das solucións que se barallan "en primeira instancia".

De momento, non haberá confinamento

Na semana en que autonomías como a veciña Castela e León xa empezan a falar doutro confinamento xeral, Comesaña dixo "entender que outras comunidades o expoñan", pero Galicia por agora non o contempla dada a súa incidencia acumulada menor que a media española. "Nós cremos que temos ferramentas de varios tipos e alcances sen chegar a expor unha medida tan extrema", asegurou.

Nós cremos que temos ferramentas de varios tipos e alcances sen chegar a expor unha medida tan extrema (Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade)

En calquera caso, na entrevista á Radio Galega, o conselleiro volveu a suxerir á poboación un "autoconfinamiento", xa que unha vez pasadas as festas do Nadal "a idea é que diminúan" as interaccións sociais, especialmente porque hai persoas "que non saben se están contaxiadas".

E é que, segundo as súas palabras, a terceira onda da pandemia "é difícil de predicir" nestes momentos, pero si parte dunha incidencia que xa é "alta" tras Nadal e Fin de Ano e dun clima invernal que favorece que as relacións sociais se manteñan "máis en interiores".

Campaña de vacinación

En canto á campaña de vacinación contra a covid, Comesaña afirmou que "o resultado está a ser francamente bo" e o ritmo permitirá que "esta semana" --que comeza este luns-- todas as residencias de maiores reciban xa a primeira dose de Pzifer.

O resultado está a ser francamente bo (Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade)

A previsión do Sergas, tal e como explicou o conselleiro, é que ao longo do mes de xaneiro "todos os residentes e traballadores" de xeriátricos reciban as dúas doses.

Con todo, a pesar da porcentaxe "moi alta" da xente que se está vacinando, o titular de Sanidade recoñeceu que houbo "algún caso, sobre todo de traballadores" das residencias máis que dos anciáns, que "non quixeron" recibila. "Que o respectamos, pero nos preocupa", engadiu.

Preguntado sobre centros de maiores que nos últimos días detectaron positivos aínda que xa se lles administrou a vacina, Comesaña respondeu que "por desgraza" é algo "inevitable" que algún usuario ou empregado xa estivese contaxiado antes ou que mesmo contraia o virus "nos días seguintes", antes de que forneza efecto.

Ao fío, o conselleiro garantiu que se manterá "a intensidade nos cribados" en xeriátricos, como é o caso do test de saliva semanais aos empregados, ata que todos os residentes estean vacinados, á vez que lembrou que estes centros se volveron a blindar limitando as visitas e as saídas dos maiores "ao mínimo imprescindible".

A nova vacina de Moderna

Apenas catro días despois de que a Unión Europea autorizase a distribución da vacina de Moderna, o conselleiro concretou que Galicia prevé recibir unha primeira remesa con 1.800 unidades "na semana do 18 de xaneiro": "É un número pequeno, pero serviranos para adaptarnos ás súas características".

É un número pequeno, pero serviranos para adaptarnos ás súas características (Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade)

A intención do Sergas, que xa ten garantidas 30.000 dose entre finais de xaneiro e o mes de febreiro, é empregar as vacinas de Moderna noutros colectivos, unha vez cubertos as residencias de maiores, xa que "non procedería mesturala" coa de Pfizer-BioNTech.

De feito, o seguinte grupo serán os sanitarios en primeira liña contra a pandemia, unha fase que se porá en marcha "canto antes", unha vez se "valide" o plan de vacinación cos sindicatos.

Tras estes, irán as persoas con grandes discapacidades e, a partir de aí, abordarase o resto de traballadores sanitarios e a poboación en xeral, comezando polos maiores de 65 anos. Isto será posible en "semanas", segundo estimou o conselleiro de Sanidade, pero "a clave é o número de vacinas" que cheguen.

A clave é o número de vacinas  (Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade)

Para ese labor, o Sergas disporá das 2.000 enfermeiras de Atención Primaria, ademais do grupo de 200 voluntarios que participan na campaña de imunización das residencias, polo que se prevé que, se Galicia recibe "unha cantidade importante de doses", se alcance unha cobertura "de até 100.000 pacientes diarios".

Iso si, se o ritmo de recepción de vacinas continúa como o actual, o tempo para cubrir a unha parte substancial da poboación será maior. "Agora temos garantidas 230.000 dose de aquí ao 31 de marzo, que se dividimos por dous nos colocan en pouco máis de 115.000 galegos, é moi pouco", sinalou.

Agora temos garantidas 230.000 dose de aquí ao 31 de marzo, que se dividimos por dous nos colocan en pouco máis de 115.000 galegos, é moi pouco (Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade)

Por iso, Sanidade confía nunha maior capacidade de produción por parte de Pfizer e "a aparición doutras vacinas" á parte da de Moderna, como podería ser a de Oxford, para acelerar a cobertura.

A Xunta baralla pechar a hostalaría de Verín para reducir as interaccións