sábado. 20.04.2024
paritorio
As portas do paridoiro do hospital de Verín permanecen así de decoradas.

 O Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Ourense denegoulle á CIG a súa solicitude de suspensión cautelar da orde de supresión dos servizos de paritorio e pediatría de urxencias do hospital público de Verín emitida o pasado 29 de novembro do 2019 polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. "Atopámonos ante dous bens xurídicos dignos de protección", indica a xuíza no auto, no que explica que o Sergas "xustifica a súa decisión na necesidade de protección do neonato e da súa saúde", mentres que a CIG entende que a Xunta realiza "unha ponderación equivocada á hora de valorar os riscos para a saúde das mulleres embarazadas ao antepoñer o perigo derivado da perda de destreza dos profesionais fronte ao perigo derivado da distancia para atención nun centro hospitalario".

"Ante tal perspectiva, o órgano xudicial non pode substituír nunha peza de medidas cautelares unha decisión adoptada pola Administración sanitaria polo seu propio criterio ou o do recorrente, salvo que se aprecie que existe un risco inminente e grave para dereitos constitucionais dignos de protección, e que, ademáis, os devanditos dereitos prevalezan sobre os que a Administración sanitaria trata de protexer coa decisión", salienta a maxistrada, quen destaca que esa situación "non se produce no presente suposto", pois a decisión adoptada polo Sergas "conta co aval ou fundamento dos informes emitidos por especialistas en pediatría".

A documentación presentada polo sindicato recorrente, segundo o auto, "consiste esencialmente en informacións xornalísticas sobre declaracións de responsables políticos". A xuíza sinala que, "á marxe de que, obviamente, tales recortes de prensa e as opinións que se reflicten carecen de calquera rigor científico que permita fundar nelas unha decisión, o certo é que seguiría concorrendo o problema, referido polo xefe de servizo, da inexistencia no hospital de ningún pediatra responsable de pediatría".

No informe do xefe do Servizo de Pediatría do CHUO remitido por Fernández Cebrián á xuíza sinálase que "actualmente non se garante a seguridade e a calidade asistencial dos meninos que alí se atenden".

A xuíza reflicte no auto o informe emitido polo xefe do Servizo de Pediatría do CHUO, no que sostén que a atención de bebés no Hospital Comarcal de Verín "actualmente non garante a seguridade e a calidade asistencial dos meninos que alí se atenden". No documento, segundo consta no auto, "alúdese á carencia no Hospital Comarcal de Verín dun Servizo de Pediatría e de Unidade Neonatal como elementos estruturais que xustificarían a adopción da medida adoptada pola xerencia".

"Á marxe das carencias estruturais que presente o hospital de Verín, consta nas actuacións o informe do presidente da Sociedade Galega de Pediatría, no que, ademais, se analiza como afecta o descenso de partos na área de Verín á calidade da asistencia neonatal prestada", recalca a xuíza.

O Xulgado Contencioso-administrativo número 1 de Ourense advirte de que o Sergas debe "arbitrar as medidas e medios necesarios para tratar de garantir a saúde da embarazada e do neonato" no caso de apreciarse "calquera situación de risco nun caso concreto motivado por razóns da distancia ao centro de nacemento".

O xulgado négalle á CIG a súa pretensión de suspender o peche do paridoiro verinense