jueves. 25.04.2024
PHOTO-2021-05-10-18-08-33
Santiago Cid Harguindey amosa o seu arquivo xornalístico a un equipo do Diario do Támega. | FOTO: Iván Iglesias

Cruzamos a porta e topamos de fronte cun interior señorial, elegante, nobre. Ao fondo, un gran salón dende o que se albisca unha maxestuosa biblioteca. Achegámonos mentres respiramos o ambiente cargado de moitas e antigas historias. Aí estaba, sentado, agardando co seu puro rubio na man. Ao seu arredor, enormes carpetas con exemplares de antigas cabeceiras periódicas da comarca. “O que hai aquí dentro ten moito valor sentimental para min”, afirma o exalcalde de Verín, Santiago Cid Harguindey, que conserva unha gran colección de xornais, máis de dous mil exemplares, onde se recolle o que foi a vida do municipio a finais do século XIX e comezos do XX.

Cando morreu o meu tío, que vivía na rúa Maior, entrei ao seu despacho. Nun dos armarios, encontrei un montón de xornais dobrados en catro, tal e como se repartían. Eu, que son un fanático das cousas antigas da comarca, vin o ‘ceo aberto’ (Santiago Cid Harguindey)

PHOTO-2021-05-10-18-08-34Xornal 'El eco de Monterrey', un dos máis relevantes. | FOTO: Iván Iglesias

Conta Harguindey, que dentro dese armario había nada máis e nada menos que seis cabeceiras diferentes. Por aquela época, chegou a haber en Verín ata catorce. Era a idade de ouro do xornalismo local. "Para completar a colección fotocopiei outros xornais que tiñan, por exemplo, o fillo de Xesús Taboada e Ricardo Vázquez, o fillo de Casiano Vázquez." Todos e cada un dos xornais tiñan claras diferenzas na liña editorial. "Aquí sempre houbo esquerdas e dereitas moi diferenciadas", afirma Harguindey.

unnamed'El Támega', outra das cabeceiras máis importantes da comarca. | FOTO: Iván Iglesias

Estas claras orientacións políticas provocaban, en ocasións, diferenza de opinións entre ambos bandos. "En Verín sempre había liortas, estaban sempre uns contra os outros. Unha vez veu a princesa de España, a filla do rei Alfonso XIII. Cóntase que marchou comer á Gudiña debido ás loitas internas que había na vila", conta Harguindey.

Todas as cabeceiras tiveron moito éxito ata 1936, ano no que se produciu o alzamento militar que deu orixe á Guerra Civil Española e, por tanto, á decadencia do xornalismo na comarca. "Hai un xornal que ten escrito a man 'este exemplar foi requisado polas autoridades". Foi o comezo do declive definitivo.

Como eran os xornais da época?

Constaban dunha páxina dobre, na que a última parte era todo publicidade. "Eran moi sinxelos de facer porque eran moi curtos. Por exemplo, a voda dos meus pais xa ocupou daquela todo o exemplar", conta Harguindey, mentres sorrí. "Para imprimilos, tiñan unha linotipia moi rudimentaria cun cilindro. Ese cilindro pasábano polo papel e saía impreso." Nese momento, o exemplar dobrábase en 4 para a súa posta en venda. "Vendíanos, non pensedes que os regalaban", asegura.

A perpetuidade dos xornais

A finais do ano 2016, Santiago Cid Harguindey doou desinteresadamente toda a súa colección de xornais antigos á Biblioteca Municipal de Verín. "Dinlles unha copia, os orixinais son estes, que aínda conservo e conservarei", asegura. Dende hai un tempo, xa se encontran todos dixitalizados e dispoñibles para toda a poboación na propia biblioteca, en formato papel; ou en liña, a través da súa hemeroteca.

PHOTO-2021-05-10-18-08-33 (1)A colección de xornais de Santiago Cid Harguindey. | FOTO: Iván Iglesias

As catorce cabeceiras da época

  • 'El eco' (1889) Xornal posto en marcha por un grupo de rapaces simpatizantes das loitas da Restauración.
  • 'El Clamor' (1890) A súa liña editorial tiña tinxes republicanos.
  • 'La Provincia' (1894) Non se teñen datos excepto que tivo un período de vida moi curto.
  • 'La Voz de Verín' (1980) Xornal con tendencia liberal.
  • 'El Támega' -despois 'El nuevo támega'- (1898-1936) Un dos máis importantes da época. Comezou sendo conservador pero evolucionou a unha visión máis liberal.
  • 'El Clarinete' (1899) Primeiro xornal humorístico da comarca.
  • 'La Opinión' (1900) Semanario con matices liberais.
  • 'La víbora' (1906) Publicación quincenal de carácter republicano. Xénero satírico.
  • 'Heraldo de Verín' (1911) Outra das cabeceiras referentes da comarca. Saía semanalmente os martes.
  • 'El eco de Monterrey' (1920-1936) A súa publicación facíase cada dez días. Compartía imprenta co 'Heraldo', a de Eladio Fuentes.
  • 'El Cencerro' (1926) Publicación quincenal cómica. Xénero satírico.
  • 'El Diario de Verín' Non se teñen datos sobre esta publicación.
  • 'Monterrey' (1935) 'Semanario republicano defensor dos intereses de Verín e a súa comarca', segundo o seu subtítulo.
  • 'España Nueva' (1936) Cabeceira con orientación falanxista.

Santiago Cid Harguindey, o custodio do xornalismo local entre os séculos XIX e XX