viernes. 19.04.2024
este procedimento, posto en marcha hai 11 anos, permite o acceso aos datos do resto de Corpos de Seguridade do Estado

A Policía Local de Verín incorpórase ao sistema VioGén, de protección das vítimas de violencia de xénero

É o principal acordo da xunta de Seguridade Cidadá que tivo lugar esta mañá no Concello de Verín, coa presenza do subdelegado do Goberno, o verinense Emilio González Afonso. Os axentes da Policía Local de Verín incorporaranse aos procedementos fixados polo sistema VioGén, no que se comparten os datos das vítimas da violencia de xénero e permite unha acción coordinada entre todas as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. 
subdelegado
A xunta de Seguridade Cidadá estivo presidida polo subdelegado do Goberno -ao fondo á esquerda-, Emilio González Afonso, co alcalde de Verín, Gerardo Seoane, á dereita.

O Concello de Verín acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, con carácter extraordinario, na que se asinou o Protocolo-Acordo de Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de Verín na Protección de Vítimas de Violencia de Xénero, así como os Acordos Técnicos de Colaboración e Coordinación da Garda Civil e da Policía Local de Verín.

De xeito efectivo, a sinatura deste convenio inclúe a adhesión da Policía Local de Verín ao sistema VioGén, unha ferramenta que serve para tentar impedir que sigan morrendo mulleres no país a consecuencia da violencia machista. 

Este sistema, coordinado pola Secretaría de Estado de Seguridad do Ministerio del Interior, comezou hai 12 anos. Púxose en funcionamento o 26 de xullo de 2007, e nel atópanse integradas todas as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, amais dos corpos autonómicos, quedando así toda a información policial referida a vítimas da violencia de xénero recollida neste programa e a dispor de todas. 

COMO FUNCIONA ESTE SISTEMA POLICIAL?

VioGén funciona de xeito sinxelo. Cando se da a primeira denuncia dunha posible vítima de violencia de xénero, rexístrase de maneira inmediata no sistema. Realízase unha valoración da situación de risco por parte dos axentes que instrúen esas primeiras dilixencias e, cos resultados obtidos logo de realizaren as preguntas e obtidas as conclusións da investigación levada a cabo polos funcionarios policiais en cada caso, o sistema, mediante un algoritmo, determina automáticamente un dos cinco niveis de risco existentes na actualidade, que teñen xa asignado por defecto unhas medidas policiais perfectamente definidas e coordinadas entre os diferentes corpos de seguridade. 

Durante o mes de setembro na provincia de Ourense a Xunta Local de Barbadás e a Xunta Local de Xinzo de Limia adoptaron decisións semellantes

Este acordo supón un paso adiante na loita contra esta lacra, non só no Concello de Verín, senón en toda a provincia de Ourense. Dende a Delegación do Goberno en Galicia e dende a Subdelegación do Goberno provincial valórase moi positivamente a sensibilidade cara esta problemática que veñen demostrando os concellos participantes  e estase a traballar para acadar a máxima participación das forzas de seguridade locais, en sintonía co indicado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a través das Xuntas Locais de Seguridade. De feito, durante o mes de setembro na provincia de Ourense a Xunta Local de Barbadás e a Xunta Local de Xinzo de Limia adoptaron decisións semellantes.

Cando se formalice o convenio de adhesión ao Protocolo VioGén, os axentes da Policía Local de Verín poderán colaborar coa Garda Civil de xeito máis eficaz e directo, e que beneficiará ás mulleres que nestes intres sofren algunha ameaza de violencia machista neste Concello. Os datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Verín hai activos 36 casos deste tipo no sistema VioGén.

Os datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Verín hai activos 36 casos deste tipo no sistema VioGén

O obxectivo principal que se pretende acadar con estes acordos é a optimización dos recursos humanos e materiais das Forzas e Corpos de Seguridade existentes nos municipios para garantir o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero, evitando posibles duplicidades na resposta aos casos que se susciten.

MAIOR COORDINACIÓN POLICIAL

Ademais desta decisión, a Xunta Local de Seguridade aprobou a constitución da Mesa de Coordinación Policial na mesma materia. Este órgano de cooperación servirá para mellorar a colaboración entre as forzas de seguridade presentes no Concello e incidirá nunha mellora dos operativos de protección e seguimento.

A reunión de hoxe no Concello levouse a cabo baixo a presidencia compartida do Subdelegado do Goberno en Ourense, o verinense Emilio González Afonso, e do Alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, acompañados pola Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; o xefe do Posto da Garda Civil de Verín; responsables da Policía Local; e outros representantes do Concello.

A Policía Local de Verín incorpórase ao sistema VioGén, de protección das vítimas de...