Xoves. 28.03.2024
Gerardo Seoane asegura que "estamos ás portas dun novo peche se seguimos así"

Vertixinosa escalada: Verín alcanza os 20 casos activos de COVID - 19, 18 en tan só sete días

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña vén de situar a Verín, de novo, no punto de mira, logo do espectacular avance de casos positivos. O rexedor, Gerardo Seoane, é taxante: "Se seguimos así, a esta velocidade de vértigo nos contaxios, non tardaremos en pechar de novo". 

O CEIP de Oímbra pechou este venres polo positivo de dous mestres.

Interior do centro de saúde de Oímbra. | FOTO: Noelia Caseiro.
Interior do centro de saúde de Oímbra. | FOTO: Noelia Caseiro.

Verín vén de sumar, esta mesma mañá, seis novos casos á súa vertixinosa escalada nos últimos días. En tan só unha semana, 18 foron os novos diagnósticos de coronavirus no municipio, o que fixo que esta mesma mañá o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o situase entre os concellos de "especial vixiancia", logo da reunión do comité clínico que tivo lugar en Santiago. 

O rexedor verinense, Gerardo Seoane, fai un especial chamamento á prudencia e á responsabilidade: "Se isto segue así, estamos de novo ás portas dun peche", afirmou, logo de situar, maioritariamente, os novos casos froito "das xuntanzas familiares, dos cocidos desta fin de semana de festa e mesmo das matanzas, polo que me reflicten a min os propios facultativos do centro de saúde de Verín", apuntou. 

Pechado o colexio de Oímbra este venres

O positivo de dous mestres do colexio público de Oímbra obrigou este venres ás autoridades educativas a decretar temporalmente o seu peche, ante a imposibilidade de substituír a todo o profesorado contacto estreito dos contaxiados en 24 horas. Arestora, os únicos positivos que reflicte a Consellería de Educación no centro escolar de Oímbra corresponden a dous integrantes do equipo docente

Os outros centros da comarca que contan tamén con positivos rexistrados son o CEIP de Vilardevós e o "Raúl Fernández" de Castrelo do Val

Vertixinosa escalada: Verín alcanza os 20 casos activos de COVID - 19, 18 en tan só...