domingo 08.12.2019
Pandeiretas, sachos, silbatos e cacerolas foron utilizados polos asistentes para berrar ben alto en contra das violencias machistas

Máis de 300 persoas participaron en Verín na concentración organizada contra a violencia de xénero

Diversas entidades sociais da bisbarra organizaron a concentración do 25N en Verín.
Diversas entidades sociais da bisbarra organizaron a concentración do 25N en Verín.

O acto central reivindicativo do contra a Violencia de Xénero, tivo lugar onte á tarde na Praza do Concello de Verín coa celebración da xa tradicional concentración comarcal en contra da violencia machista. Un acto no que, ademais da lectura do manifesto de rexeitamento da violencia contra as mulleres, houbo unha mesa informativa sobre os recursos comarcais neste eido e no que participaron diversos centros educativos cunha performance en contra da violencia contra as mulleres.

Nun día especialmente reivindicativo na bisbarra, á concentración que conmemoraba o Día Internacional contra a Violencia cara ás mulleres acudiron máis de 300 persoas e representantes de diversas entidades sociais da comarca. FEMURO, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Cruz Vermella, Portas Abertas - Centro de Desenvolvemento Rural, diversos centros educativos, e o CIM (Centro de Información á Muller) tamén estiveron presentes na concentración reivindicativa do 25 de novembro.

Por primeira vez, a Marcha Mundial das Mulleres fixo acto de presencia na vila e, tamén, a recén creada Asociación Feminista Nosas. Acaban de pór en marcha o seu grupo de Verín e foron as encargadas de organizar a gran cacerolada para berrar ben alto a necesidade de rematar coa violencia machista e patriarcal exercida contra as mulleres.

Tódalas entidades uníronse, traballando en conxunto cun obxectivo común: a loita pola igualdade e o fin da violencia de xénero. Neste mes inda haberá algunha actividade reivindicativa máis. O CIM ten programada a conferencia "Prostitución, Lecer e Negocio Machista" que se celebrará na Casa da Cultura de Verín o vindeiro venres, 29 de novembro, ás 20 horas e contará coa proxección da curtametraxe "Invisibles".

Máis de 300 persoas participaron en Verín na concentración organizada contra a...
comentarios