viernes. 19.04.2024
A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego organiza unha xornada de visitas guiadas polos espazos construídos por ambos na vila

Verín celebra o Día Mundial do Patrimonio cunha homenaxe ó soño modernista de García Barbón e Vázquez-Gulías

A ilusión transformadora de García Barbón para humanizar a súa vila foi levada a cabo polo arquitecto Daniel Vázquez-Gulías, quen lle deu forma ás ideas visionarias do indiano de converter Verín nun "paraíso de paz arredor dos balnearios existentes" e de construír o Gran Balneario de Cabreiroá. Hoxe 16 de novembro, APATRIGAL organiza a actividade "O mundo balneario de 1906, o soño modernista de García Barbón e Vázquez-Gulías" para percorrer os seus pasos.

Cartel gulías
Verín celebra o Día Mundial do Patrimonio cunha visita guiada ós espazos creados por García Barbón e Vázquez Gulías.

Cando Xosé García Barbón volveu á súa terra a finais do século XIX, logo de acadar un enorme éxito nos negocios en Cuba, fíxoo por razóns médicas. Chegou a Verín con novidosas e modernas ideas que pretendían transformar a súa vila nun paraíso balneario ó estilo de Vichy. Daquelas, Verín era pouco máis que unha aldea que medraba sen orde nin sentido, asentada nun urbanismo arcaico.

Quería naturalizar e humanizar Verín e plantou centos de árbores por toda a vila e nos seus accesos. Quería modernizar Verín e empedrou as lamagueiras cos vellos perpiaños do Colexio dos Xesuítas de Monterrei. Foron os primeiros pasos para tentar acadar o seu gran soño: converter a vila nun "paraíso de paz arredor dos balnearios existentes"

Naquela época xa funcionaban Sousas, Caldeliñas e Fontenova, pero García Barbón quería máis. O seu talante decidido e visionario levouno a querer construír un Gran Balneario que marcara a diferenza, e naceu Cabreiroá. Amante da arquitectura, do urbanismo e da beleza modernista, non era suficiente con construír un edificio; García Barbón tiña unha visión global do que alí ían crear.

Coas ideas ben claras, chamou a un gran arquitecto da época: Daniel Vázquez-Gulías. A el encargoulle levar á práctica o seu concepto de balneario, o seu gran soño, un conxunto de edificacións que se converteran en paraíso. E así foi, Vázquez-Gulías deseñou o Gran Hotel, o Quiosco das Augas, as Cocheiras para o tranvía e os autobuses, a fábrica de embotellado, o paisaxismo, o interiorismo e ata os mobles que decorarían o Gran Hotel.

frontalO Gran Hotel Balneario de Cabreiroá, edificio modernista de Vázquez-Gulías. | FOTO: Carlos Barja.

Xuntáronse dous grandes soñadores abondosos de talento que quixeron transformar unha aldea nunha vila modernista que foi quen de atraer a persoeiros da alta sociedade durante a Belle Epoque. O Xardín Botánico que inda existe e, máis que nada, o tranvía de tracción animal levaron a Verín a unha modernidade inédita na Galiza daqueles tempos.

Logo, o gran Vázquez-Gulías desenvolvería outros 6 proxectos arquitectónicos na vila: o Palacete Modernista da Praza Maior, o Cine Principal, o Casino, a Vila Peláez, a Casa García Barbón e un fermoso panteón no camposanto. 

Como homenaxe ó labor de García Barbón e de Vázquez-Gulías, a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (APATRIGAL) escolleu Verín para celebrar o Día Mundial do Patrimonio hoxe sábado 16 de setembro. E vaino facer coa actividade "O Mundo balneario de 1906, o soño modernista de García Barbón e Vázquez Gulías", un conxunto de visitas guiadas nas que se poderán ver os fermosos edificios e espazos construidos por estes dous visionarios.

A actividade está aberta ó público previa inscrición a través do mail: [email protected]. Unha iniciativa que se organiza en Verín grazas a Bruno Rúa, membro fundador de APATRIGAL, creador e guía das visitas que se realizarán. Conta coa colaboración dos propietarios, de Cabreiroá, do Concello de Verín, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG-Ourense) e do Museo Virtual Daniel Vázquez-Gulías.

Verín celebra o Día Mundial do Patrimonio cunha homenaxe ó soño modernista de García...