SOS Sanidade Pública celebrará un encontro este luns en Verín para apoiar as mobilizacións e peches da poboación e traballadores sanitarios en contra da decisión de suprimir o paritorio do hospital comarcal.
Segundo informa a plataforma, o obxectivo é "mostrar a solidariedade coa área de Verín das numerosas organizacións que veñen loitando desde hai anos na defensa do sistema sanitario público galego".
Tamén busca "valorar o desmantelamento dos hospitais comarcais galegos após a reforma da lei galega de sanidade, destinada a recentralizar o sistema".
Proporá unha "gran" mobilización "unitaria" contra a política "de privatización" da Consellería de Sanidade e a Xunta para analizar noutra reunión o día 12 en Santiago, "onde se valorará tamén o resultado da negociación da reforma da Atención Primaria e a situación de Povisa".
Aberto a toda a cidadanía, o encontro celebrarase este luns día 9 ás 17:30 horas no Auditorio de Verín, segundo informa SOS Sanidade Pública.