luns 26/10/20
A comarca supera en 2,15 a taxa acumulada nos últimos 14 días en toda a comunidade autónoma

Sanidade mantén unha semana máis as mesmas restriccións xa vixentes no Concello de Verín

Verín manterá, alomenos unha semana máis, as restriccións ditadas pola Consellería de Sanidade o pasado 18 de setembro e que comezaron a aplicarse ás 00:00 horas do día seguinte. Así o vén de ditar o conselleiro, García Comesaña, nunha orde que entra en vigor á medianoite deste sábado 3 de outubro, no que non haberá feira. 

Gráfica da evolución dos datos de casos activos na última semana no Concello de Verín.
Gráfica da evolución dos datos de casos activos na última semana no Concello de Verín.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de asinar a orde do 2 de outubro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Verín, na que se fixan, por outro periodo mínimo de sete días, as mesmas restriccións xa consideradas e aplicadas dende as 00:00 horas do pasado 19 de setembro

Baséase a Consellería de Sanidade en varios indicadores tanto do municipio de Verín como da súa comarca. Para a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, un dos condicionantes que levou aos seus responsables a manter as medidas foi a taxa de contaxios dos últimos tres días -véxase a gráfica da evolución dos casos activos nos últimos sete días elaborada polo Concello de Verín- e tamén a porcentaxe de PCR positivas de contactos estreitos dun caso diagnosticado de COVID - 19.

No mesmo informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Verín, do 2 de outubro de 2020, tamén se destaca que o valor da taxa acumulada a 14 días para o total da comarca foi 2,15 veces o valor acadado para o conxunto de Galicia, é dicir, que se duplica a taxa acumulada de contaxios que de media se rexistrou nos últimos 14 días en todo o conxunto da comunidade autónoma.

Ademais, dentro da comarca ten unha significación especial Verín, polo seu número de casos, a taxa a 14 días e cun número de casos hospitalizados alto, co risco engadido de ser unha poboación moi envellecida. Este abrocho segue a ter algunha característica de alto risco, como son a taxa de incidencia nos últimos 3 días e a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado. Ademais, amosa algún indicador en niveis de risco medio, como son a porcentaxe de probas PCR positivas.

Po todo o anterior, isto é, a taxa observada no concello de Verín, o número de ingresados e as características do abrocho, xunto coa circunstancia de ter unha poboación moi envellecida, "atendido o disposto no informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, do 2 de outubro de 2020, e logo de escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria no concello de Verín impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 18 de setembro de 2020", recolle a orde asinada polo conselleiro García Comesaña.

Sanidade mantén unha semana máis as mesmas restriccións xa vixentes no Concello de Verín
comentarios