Verín recupera a Carreira Pozo do Demo coa súa oitava edición o vindeiro 29 de marzo
O Concello de Verín e a Asociación de Sendeiristas Ruta das Augas presentaron esta mañá a recuperación da Carreira Pozo do Demo, unha cita histórica que regresará ao calendario deportivo o vindeiro 29 de marzo. Tras un parón que se prolongaba desde antes da pandemia —a última edición foi no 2018—, a vila volverá vibrar coa que será a oitava edición da proba competitiva e a décimo cuarta edición da andaina popular.
O concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo, e a representante de Ruta das Augas, Amaia Álvarez, destacaron que este regreso busca poñer en valor o monte un ano despois dos incendios, reivindicando o deporte como ferramenta para coidar os espazos naturais. O evento conta cunha ampla rede de colaboración que inclúe ao Concello de Vilardevós, agrupacións de Protección Civil, AEVER e diversas firmas privadas como Comartín, Gadis, Cabreiroá, Enredo, Ktorce ou RC Training.
As inscricións xa poden tramitarse de xeito presencial en Multisport Verín para a andaina, ou ben a través de Sportmaniacs e a App de Saudeter para o trail. O obxectivo da organización é redescubrir a riqueza natural de lugares como o Monte Maior ou a contorna de Cabreiroá, integrando deporte e turismo de proximidade nun proxecto que suma esforzos de todo o tecido local.