xoves 21.11.2019
Asistirán máis de 70 cociñeiros, xornalistas especializados en turismo e gastronomía e representantes de operadores turísticos

Encontro internacional de profesionais do gastroturismo na lonxa agropecuaria de Verín

Será mañá, venres, cando a lonxa agropecuaria de Verín retome as súa actividade acollendo o Primeiro Congreso Bioceánico-Hispano de Gastronomía (Enbhiga). Destinado a profesionais do sector, trátase dunha iniciativa que pretende mostrar destinos pouco coñecidos e pólos en valor a nivel internacional.

A lonxa agropecuaria de Verín acollerá ós máis de 70 profesionais internacionais do turismo gastronómico.
A lonxa agropecuaria de Verín acollerá ós máis de 70 profesionais internacionais do turismo gastronómico.

O Concello de Verín recupera a actividade na lonxa agropecuaria da vila coa celebración dun evento de primeiro nivel. Mañá, venres 18 de outubro, a vila do Támega acolle o Primeiro Congreso Bioceánico-Hispano de Gastronomía (Enbhiga), encontro destinado a cociñeiros e a profesionais do turismo e do xornalismo gastronómico e turístico.

Trátase dun encontro internacional de gastronomía que naceu na Arxentina hai catro anos, pero ista é a primeira vez que se celebra en Europa. Durante 5 días, máis de 70 cociñeiros, operadores turísticos e xornalistas especializados de 15 países do mundo, percorrerán a provincia de Ourense para coñecer de primeira man os seus recursos turísticos e gastronómicos. 

Despois de tres exitosas edicións realizadas en diferentes países de América Latina, Enbhiga trasládase por primeira vez a Europa creando un itinerario, o Roteiro do Noroeste, que mostrará bisbarras pouco coñecidas ata o de agora. O obxectivo é que os profesionais do eido do gastroturismo internacional coñezan os produtos e oficios tradicionais, co fin de pór de manifesto o gran potencial que teñen as terras de Ourense como destino desestacionalizado de turismo gastronómico.

Asistirán profesionais chegados dende Arxentina, Chile, Perú, Costa Rica, Estados Unidos, Italia ou Reino Unido

O roteiro percorrerá as comarcas do Ribeiro, Ribeira Sacra, Terras de Trives, Valdeorras e Verín, ofrecéndolle ós profesionais do sector a posibilidade de visitar adegas, escolas de hostalaría e obradoiros de pequenos artesáns alimentarios. Ademais, coñecerán, de primeira man, o traballo dos cociñeiros que se esforzan por converter a Ourense nunha potencia gastronómica, cos compoñentes da Asociación Cociña Ourense á fronte.

Trátase de pór Ourense no punto de mira internacional do turismo gastronómico da man de profesionais do sector. Nista cuarta edición do evento, participan expertos chegados dende Arxentina, Chile, Perú, Costa Rica, Estados Unidos, Italia ou o Reino Unido, acompañados dunha nutrida delegación de expertos españois dos sectores turístico e gastronómico.

Encontro internacional de profesionais do gastroturismo na lonxa agropecuaria de Verín
comentarios