sábado 19/09/20
Os últimos casos rexistrados obrigaron ao grupo de Goberno a tomar a decisión

Verín anticipa o peche das piscinas da Granxa e non abrirá a climatizada pola actual situación epidemiolóxica

O grupo de Goberno do Concello de Verín anticipa o pecha das piscinas municipais e descarta abrir a piscina climatizada, polo de agora, dada a actual situación epidemiolóxica. 

Piscinas municipais da Granxa. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Piscinas municipais da Granxa. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Ás oito da tarde deste mércores 9 de setembro pecharán, ata o vindeiro ano, as piscinas do complexo da Granxa, na vila de Verín, logo de que o grupo de Goberno tomara a decisión de anticipar o seu peche considerando a actual situación epidemiolóxica do municipio, no que se teñen rexistrados gromos de coronavirus de xeito continuado é, sobre todo, entre persoas xóvenes. 
Así o anunciou a tenente de alcalde e responsable de Persoal do Concello de Verín, Rosario Rodríguez, quen tamén anticipou que a piscina climatizada non abrirá, polo momento, as súas portas: "Tomamos esta medida de xeito preventivo, porque se están dando gromos entre xente xoven e non queremos que as instalacións municipais sexan un posible foco de contaxio", asegurou. 


Non estará, polo tanto, dispoñible ningunha instalación municipal cuberta para o desempeño dalgunha actividade deportiva. O pavillón da Granxa tamén estará pechado para o público, e só poderán acceder a el os alumnos dos centros académicos próximos.  

O pavillón de deportes tamén quedará clausurado, como xa o está o seu ximnasio logo de que coñecese o positivo dun dos seus usuarios o pasado xoves. 

A edila de Persoal do Concello de Verín, Rosario Rodríguez.Rosario Rodríguez, a edila de Persoal do Concello de Verín. | FOTO: Arquivo DdT. 

Rosario Rodríguez sinalou que "cremos que é unha medida axeitada, sobre todo de cara ao inicio do curso académico en Infantil e Primaria. Coa chegada de novos mestres doutras vilas galegas, potenciales usuarios das nosas instalacións, debemos tomar todo tipo de precaucións no caso de que algún, sen sabelo, sexa transmisor. Creo que é un acto de responsabilidade deste grupo de Goberno", dixo a tenente de alcalde. 

Chamamento do rexedor á prudencia


O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quixo facer un chamamento cidadán á poboación para que respecten as medidas de seguridade, a "non baixar a garda" e manter tanto a distancia social como a hixiene constante de mans e o uso de máscara. "A nosa prioridade absoluta é a saúde e a seguridade dos nosos veciños e veciñas", explicou Seoane.

Verín anticipa o peche das piscinas da Granxa e non abrirá a climatizada pola actual...
comentarios