Os verinenses, sobre todo os máis xóvenes, levan toda a mañá mirando cara o ceo por se os neboeiros rexistrados dende que amenceu son quen de augar a festa desta tarde. Aínda que semella que o tempo non acompañará, as previsións de choiva son prácticamente inexistentes, e todo fai indicar que non haberá pois impedimento algún para que cara as cinco da tarde arranque, na praza Maior da vila, o espectáculo que cada ano honra ao líquido elemento, coa animación musical a cargo de Discomóbil A Gramola.
Previsións meteorolóxicas para esta tarde de sábado de Batucada.
Ás 19,15 horas, comezará o “Desfile Pasarrúas da Batucada”, que sairá da Praza Maior e continuará pola Praza da Mercé, Laureano Peláez, Irmáns Moreno, rematando no Pavillón dos Deportes de Verín. Este ano, contará coa presenza da batucada Trópico de Gelos (Santiago de Compostela) e da Charanga Támega. Ao remate do desfile, na Rúa Irmáns Moreno, Enjoy DiscoMóbil Jorge será a encargada da animación musical.
O prato forte desta edición correrá a cargo de BAIUCA Live Band A/V Show, proxecto musical capitaneado por Alejandro Guillán, “Alex Casanova”, que xunta sons propios da tradición galega coa música electrónica máis vangardista. Baiuca é un proxecto moi persoal que tenta achegar a tradición galega á electrónica. Instrumentos como cunchas, frautas, gaitas ou voces tradicionais; asócianse con sintetizadores, caixas de ritmo e programacións. Unha mestura da sonoridade máis pura de proxectos como Luar na Lubre, Milladoiro, Carlos Núñez ou Treixadura coa perspectiva floktrónica Nicola Cruz, Four Tet, Satoro ou Nicolas Jaar, entre outros. O espectáculo terá lugar esta noite, ás 00,00 horas, na Praza García Barbón.
A praia fluvial foi onte escenario da xa tamén tradicional festa acuática. | FOTO: C. M.
A festa comezou onte cara as once da mañá co “Desfile da Ludoteca Especial Batucada”, para o que se escolleu a temática dos súper heroes e heroínas nun percorrido que arrancou no CEIP Amaro Refojo e transitou por Laureano Peláez, Praza do Concello, Praza da Mercé, Rúa da Cruz e Praza García Barbón. Rematou a celebración matutina coa tradicional “Festa Infantil da Ludoteca”, ás 12,00 horas, no CEIP Amaro Refojo.
Pola tarde, de 16,30 a 20,30 horas, foi a quenda da “Festa Acuática na Praia fluvial” na que os cativos, e os que non o son tanto, disfrutaron xogando coa auga, contando, nesa ocasión, con animación musical, inchables de terra e auga. O Grupo Atenas pechou a xornada do venres cunha actuación na Praza García Barbón ás 00,00 horas.