domingo 08.12.2019
o epicentro das concentracións situouse, durante todo o día, ás portas do hospital

O clamor de Verín contra o peche do seu paridoiro espállase por Galicia enteira

Intenso o mércoles 4 de decembro na loita contra o peche do paridoiro de Verín. Comezou a xornada cun veloiro e posterior enterro simbólico de grande parte dos servizos do hospital. Antes das concentracións espalladas por toda Galicia, unha representación de profesionais do centro hospitalario visitaron á Valedora do pobo, María Dolores Fernández. Logo, dirixíronse ao Parlamento de Galicia, onde se falou e moito da clausura da instalación verinense. Tamén se pronunciou Manuel Baltar, para posicionarse xustamente en contra da posición da consellería de Sanidade. Como tamén falaron milleiros de persoas por toda Galicia. A crónica do día remata coa declaración institucional do Concello de Verín e a presentación dunha denuncia na Fiscalía da man do sindicato de enfermería SATSE. 

Cáseque un milleiro de persoas se concentraron de novo e pola noite diante das portas do hospital verinense. | FOTO: EFE / Brais Lorenzo.
Cáseque un milleiro de persoas se concentraron de novo e pola noite diante das portas do hospital verinense. | FOTO: EFE / Brais Lorenzo.

POR: CONCHA CANEIRO (Santiago) / MARÍA SOLIÑO (Vigo) / XOSÉ LOIS COLMENERO (Verín)

Centos de persoas saíron á rúa este mércores en toda Galicia para visibilizar o clamor social contra o peche do paritorio e as urxencias pediátricas do Hospital de Verín.

As protestas contra a eliminación do servizo estendéronse este mércores a preto dunha ducia de municipios, que acolleron concentracións de repulsa para mobilizar á sociedade ante o que tacharon de "agresión institucional contra as mulleres de Verín". A Marcha Mundial das Mulleres convocou á cidadanía en diferentes puntos de Galicia. A Coruña, Vigo, Verín, Ourense, Lugo e Compostela foron algúns deles.

Tras unha manifestación memorable para a historia de Verín o pasado sábado, 30 de novembro, que xuntou a unhas 20.000 persoas, hoxe, en diferentes puntos de Galicia volvéronse a ver pancartas e a oír berros ó son de tambores: "Verín non se pecha", "Feijoo, escoita, Verín está en loita", "as mulleres do rural queremos hospital", entre outros. En Santiago de Compostela a concentración estaba convocada para ás 20:00 horas na Praza 8 de Marzo, e cando parecía que ían a ser moi pouquiños, apareceu moita máis xente para unir forzas. Mozas, mozos, nenas, nenos, nais, pais, e persoas de todas as idades de Verín e de Santiago, xuntaron ánimo e berraron por unha sanidade pública e de calidade.

A  Praza 8 de Marzo facíase pouco, así que a concentración achegouse ata a estrada, onde se cort ou o tráfico durante un bo anaco de tempo. Autobuses e coches en ambos sentidostiveron que estar parados mentres se escoitaba de fondo máis e máis cánticos, "Pola túa ignorancia vou parir nunha ambulancia" ou "Dimisión, dimisión". No ambiente as caras da xente amosaban coraxe, descontento e malestar, pero sobre todo, forza e loita. A poboación non se cansa, nin aquel venres cando se anunciou o peche do paritorio e das urxencias pediátricas, nin case dúas semanas despois.

WhatsApp Image 2019-12-04 at 21.09.17Nas rúas de Compostela mesmo chegouse a cortar un intre o tráfico. | FOTO: Concha Caneiro. 

A concentración remataba cun manifesto que leu unha compañeira da Marcha Mundial das Mulleres, no que se reivindicaba unha rectificación por parte do Goberno e unha sanidade pública de calidade. "Esquecen a diferenza entre urxencia e emerxencia, e corenta minutos poden supoñer para unha muller de parto a diferenza entre vivir ou morrer". Tamén se fixo fincapé en que "esquecen mencionar que o problema para garantir a seguridade non é a capacidade ou pericia dos e das profesionais, senón a pésima e incompetente xestión. Esquecen mencionar a falla de pediatras que existen nesa provincia, nun momento no que hai 1.200 consultas de atención especializada pediátrica suspendidas". O manifesto remataba dicindo "recortar os dereitos das mulleres é violencia, recortar os dereitos das crianzas, é violencia. Verín non se pecha!".

En Vigo, foron arredor de duascentas as persoas que se deron cita na noite do mércores ás portas do MARCO, o Museo de Arte Contemporáneo da capital olívica, na concurrida rúa Príncipe, para amosar o seu total desacordo pola decisión da Xunta de Galicia de pechar o paritorio do hospital comarcal. As mesmas concentracións se reproduciron noutras capitais galegas, como A Coruña ou Ourense. 

vigoDiante das portas do MARCO vigués se concentraron arredor de 200 persoas. | FOTO: María Soliño.

CLAMOROSA RESPOSTA ÁS PORTAS DO HOSPITAL

Pero, sen lugar a dúbidas, foi Verín, e máis concretamente a entrada do recinto hospitalario, o epicentro das diferentes concentracións. Foron cáseque un milleiro de persoas as concentradas, logo das oito da tarde, onde deixaron oír os seus berros contra a decisión da consellería de Sanidade, que unha vez máis o seu titular onte pola tarde volveu a considerar "difícil pero responsable", na que prima "a seguridade" dos nenos e nenas e das nais. Así se pronunciou Vázquez Almuíña en resposta a unha interpelación e dúas preguntas formuladas por Común da Esquerda, PSdeG e o Grupo Mixto, quen cargaron contra a supresión do servizo, que atribúen a unha "decisión política", e avisaron de futuros recortes noutros hospitais comarcais.

peche2Diante da porta do hospital reclamáronse máis recursos en troques de discursos. | FOTO: EFE / Brais Lorenzo.

"Priorizamos a seguridade das nais e dos neonatos sobre as críticas que estamos a recibir", asegurou o conselleiro, que se referiu ao descenso da natalidade na comarca de Monterrei. "Pasou dos 147 partos en 2010 a uns 60 este ano, o que supón unha diminución de case o 60%", indicou, non sen antes acusar, aló polo 2006, ao bipartido de entón da falta de pediatra no hospital comarcal, sinalando que  "o único pediatra" -de Atención Primaria- que realizaba gardas no hospital comarcal "deixou de facelas por razóns de idade", aínda que o mesmo conselleiro omitiu que esas razóns de idade non lle impiden seguir prestando servizos nas consultas ambulatorias. 

UN PARITORIO QUE XA DESCANSA EN PAZ

Traballadores do Hospital de Verín (Ourense) acompañados por veciños da comarca realizaron este mércores un "funeral" simbólico, en memoria dos servizos pechados ultimamente. Durante o responso fíxose referencia ao peche de servizos como o do paridoiro, as urxencias pediátricas ou dermatoloxía, advertindo de que proximamente podería darse tamén o da cociña. Ademais, algunhas mulleres portaron necrolóxicas nas que xa se certificaba a defunción dalgún servizo local máis. 

velorioEste mércores quedou instalada a capela ardente por grande parte do hospital de Verín, nas inmediacións do despacho do seu director. 

Durante a concentración púidose ver un cadaleito, varios centros e lápidas coa mensaxe 'Rezade por nós' que, posteriormente, foron depositados ás portas da xerencia do hospital.

Así mesmo, tamén contaron cun home disfrazado de cura que manifestou "de modo xocoso", a situación de "morte en materia sanitaria" á que se enfronta o rural ourensán.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA CORPORACIÓN MUNICIPAL 

Pola súa banda, durante a sesión plenaria celebrada este mércores, o pleno da corporación municipal de Verín aprobou por unanimidade de todos os grupos presentes na institución (PSOE, BNG e PP) unha declaración institucional contra o pecha do paritorio do Hospital comarcal.

Na mesma pode lerse que "independentemente das razóns técnicas e científicas expresadas polos xefes de área de Xinecoloxía e Pediatría", entenden que o servizo de paritorio é "fundamental para a comarca".

plenopariA sesión plenaria ordinaria da Corporación municipal estivo presidida por o nacionalista Diego Lourenzo. 

Así mesmo, expresan que "non é compatible falar de potenciar o rural con suprimir un servizo sanitario de semellante transcendencia". Por este motivo, manifestaron o seu "rexeitamento frontal" á decisión do Sergas.

Neste contexto, todos os concelleiros do Concello de Verín demandaron á Administración sanitaria que "revogue a decisión de peche xa executada" e que non só manteña o actual paritorio, senón que "se reforce coas medidas necesarias, tanto de persoal como de recursos, para darlle unha total seguridade".

REUNIÓN COA VALEDORA DO POBO

Ademais, durante a tarde deste mércores tres matronas, algunha embarazada e o xefe de Obstetricia de Verín, o doutor Javier Castrillo, mantiveron un encontro coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, á quen lle manifestaron as súas inquedanzas pola perda dun servizo "esencial" para un colectivo moi numeroso, como é o da poboación que abranguen 90 por 70 kilómetros cadrados de superficie. A partires das 18,30 asistiron ao Parlamento galego para presenciar unha pregunta do grupo socialista relativa á "perda progresiva de servizos no Hospital de Verín".

valedoraPatricia Rey (matrona), Belén Vázquez (matrona), Francisco Javier Castrillo (xefe do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do hospital de Verín), Sara Campo (matrona) e a Valedora do pobo, María Dolores Fernández. 

SATSE ADIÁNTASE E LEVA O PECHE Á FISCALÍA

Mércores tamén onde o problema do peche do paridoiro verinense chegou ao despacho do fiscal xefe ourensán. O Sindicato de Enfermaría presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense pola clausura da instalación, na que se advirte de que o paridoiro de Verín atópase a 75 quilómetros do hospital de referencia localizado en Ourense.  Satse advirte de que "expor que os partos de baixo risco até agora realizados en Verín pasen a realizarse en Ourense implica que, directamente, ese embarazo pase a ser de risco e obriga á nai a realizar un traslado innecesario en distancia e tempo durante o cal poden xurdir problemas non previstos".

BALTAR CRITICOU A DECISIÓN DA CONSELLERÍA

O presidente provincial do PP de Ourense e responsable da Deputación, Manuel Baltar, tamén se significou na polémica este mesmo mércores e acabou por pedirlle á Xunta de Galicia que preside o seu presidente autonómico de partido que "rectifique" a decisión de pechar o paritorio de Verín, desmarcándose del nesta cuestión porque "unha vez que se produciu a realización efectiva da medida, como representantes públicos temos a obrigación de defender os intereses de Ourense por encima de calquera outro", recalcou Manuel Baltar.

O clamor de Verín contra o peche do seu paridoiro espállase por Galicia enteira
comentarios