luns 26/10/20
O BNG colócase como segunda forza, sube 1.098 votos, fronte ós 72 que só logra incrementar o PSdeG

Verín esqueceu pronto e só lle fixo perder un de cada tres votos ó PP, que segue sendo o máis votado

O ascenso meteórico do BNG de Diego Lourenzo nestas autonómicas na vila, propulsado polo efecto do Verín Non Se Pecha, non foi suficiente para evitar que o PP mantivese o primeiro posto das forzas máis votadas. Con todo, os populares de Jiménez perderon 1.013 votos, un de cada tres dos que tiñan no 2016.

DSC_8606
Diego Lourenzo, tenente de alcalde verinense, no centro; acompañado por Eugenio Quintas, concelleiro en Verín, e a coordinadora comarcal do BNG, Samanta Barreira. | FOTO: Noelia Caseiro.

O efecto do Verín Non Se Pecha non foi suficiente para colocar ao Partido Popular no lugar que lle correspondería polo agravio que o seu presidente rexional quixo inflixir á cidadanía da vila e da comarca. Aínda así, os populares de Jiménez Morán perden un de cada tres dos votos obtidos no 2016, pasando dos 3.576 da anterior consulta aos 2.563 desta xornada. A caída, que supón un 28,33%, contrasta coa espectacular subida do BNG que lidera Diego Lourenzo Moura, o tenente de alcalde do Concello de Verín. Así, xa cos datos ao 100% do escrutinio, a formación da voceira nacional Ana Pontón colócase como a segunda forza na vila nunhas autonómicas, pasando dos 828 sufraxios no 2016 aos 1.926 desta noite electoral, o que supón un aumento de 1.098 votos, ou o que é o mesmo, un incremento porcentual do 132,61 por cento con respecto a catro anos atrás. 

Quen non experimentou case variación foi o PSdeG. Aínda que contaba cun verinense nos postos de saída das listas pola provincia de Ourense, Juan Carlos Francisco, a formación da rosa só subiu 72 sufraxios, colocándose como terceira forza nas autonómicas con 1.401 papeletas, fronte ás 1.329 que obtivo na anterior convocatoria de 2016.

E na comarca?

As variacións que se experimentaron na vila son parellas ás computadas na comarca de Verín. O Partido Popular mantense como a primeira forza, con 6.330 votos, 2.311 menos que no 2016 (cae un 26,74 por cento). Pola contra, o BNG case triplica os seus resultados, pasando de 1.350 a 3.260 sufraxios, cunha subida do 142,07%. O PSdeG só suma 75 novos votos na comarca, baixando á terceira posición na de Verín. 

Verín esqueceu pronto e só lle fixo perder un de cada tres votos ó PP, que segue sendo...
comentarios