Venres. 29.03.2024
Cartel Verín
Cartel da Feira do Libro

A próxima fin de semana a praza da Mercé voltará a ser o epicentro cultural de Verín, grazas ás celebracións propias do Lázaro. O Museo do Claustro Mercedario acollerá as exposicións “A bolboreta monarca” e “Aves de Galicia”, do Centro de Extensión Universitaria e da Xunta de Galicia, respectivamente, dirixidas á comunidade escolar. 
A  bolboreta monarca migra dende Canadá a México máis de 3.500 km todos os anos, pero debido ás correntes altas da atmosfera, algúns exemplares están sendo avistados en Galicia. “Operación monarca” ofrecerá aos escolares dos centros de Verín cuxos profesores o soliciten a oportunidade de participar no seu avistamento, fotografía e ubicación, e en caso de rexistrarse os suficientes na comarca de Monterrei, de participar nunha posterior exposición no Museo.
Esta exposición busca tamén a reflexión sobre a capacidade de adaptación das especies e as consecuencias negativas da intervención do ser humano na natureza, posto que os seus ciclos vitais están sendo afectados pola súa solta en bodas e celebracións.
Por outra banda, a mostra “Aves de Galicia”, realizada pola Xunta, da un repaso polas principais aves do noso entorno, e será tamén complementada con unidades didácticas para os centros que o soliciten.
Ambas mostras afondarán na biodiversidade do entorno, e inauguran a realización de actividades de divulgación ambiental na comarca de Monterrei.

Nova edición da Feira do Libro

Dende o venres 5 de abril ata o domingo 7, terá lugar dentro da programación da Feira do Lázaro, un dos acontecementos culturais e festivos máis importantes da comarca: a Feira do Libro, organizada pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Verín.
A Apertura deste evento, que estará instalada na Praza da Mercé, terá lugar o venres a partir das 19:00 h coa actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín, que interpretará a Banda Sonora das Feiras do Libro. Posteriormente levarase a cabo a Presentación do libro “Terras da Mezquita e da Seabra” de Gerardo Dasairas Valsa.
O programa complétase coa lectura do Pregón o sábado dia 6 ás 12:00 h, a cargo de Miguel Losada. Ao longo da xornada levaranse a cabo diversas actividades e tamén terán lugar presentacións de diferentes publicacións entre as que cabe destacar “Aldeas de Tamagania” de Bruno Rúa.
As librerías participantes son: Cartabón, Papiro, Cortizas, Cortés, Monterrei, Pica Pica, Punto e Coma e A Serpe- Edicións.

Ademáis do xa mencionado, haberá actividades infantís, actuacións dramatizadas e concertos. 

Verín acolle exposicións e a Feira do Libro no Lázaro