venres 10.07.2020
O director do filme, Ignacio Villar, visitou co alcalde da vila o aparcamento gratuíto no que se proxectará a película María Solinha

Restaurantes da vila servirán a cea no autocine de Verín grazas a "Rumbo"

Ata un límite de 300, que é a capacidade do estacionamento libre fronte o Concello de Verín, se poderán adquirir as entradas para a proxección da película María Solinha, que se estreará mundialmente en versión autocine nas instalacións municipais que xa se preparan. 

Gerardo Seoane, segundo pola dereita, co director Ignacio Villar, visitando o estacionamento gratuíto onde se proxectará o filme. | FOTO: Carlos Montero.
Gerardo Seoane, segundo pola dereita, co director Ignacio Villar, visitando o estacionamento gratuíto onde se proxectará o filme. | FOTO: Carlos Montero.

O director galego de cinema, Ignacio Vilar, visitou o aparcamento público gratuíto fronte o Concello de Verín onde se instalará o próximo 21 de xuño o autocine no que se estreará o seu filme María Solinha. Fíxoo acompañado do seu equipo técnico, do alcalde da vila, Gerardo Seoane e de Begoña Vázquez, en representación da Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (Aehcom). Segundo confirmaron, estarán á venda as entradas -en ataquilla.com-, ata un límite de 300, para poder presenciar a proxección dende o automóbil o vindeiro 21 de xuño. 

Durante a visita, repasaron os aspectos fundamentais que conforman a minuciosa loxística necesaria para o correcto funcionamento deste servizo audiovisual, así como os requisitos necesarios para a implementación do servizo de "menú autocine", que realizarán varios restaurantes membros de Aehcom e se distribuirá a través da nova plataforma de entrega de produtos locais a domicilio "Rumbo".

O Concello de Verín pechou o pasado 15 de maio un acordo con Vía Láctea Filmes para acoller a primeira exhibición en autocine da estrea da película María Solinha, de Ignacio Vilar, aproveitando a rede de parkings públicos que cambiaron a mobilidade urbana na vila do Támega nos últimos anos.

A estrea mundial en autocine do filme será o próximo 21 de xuño, nunha gala coa presenza dos artistas e director, no parking libre central de Verín.

Restaurantes da vila servirán a cea no autocine de Verín grazas a "Rumbo"
comentarios