xoves 05.12.2019
Miguel Abad, xerente do Hospital de Verín, non estivo presente ó longo da mobilización contra o peche do centro porque estaba de vacacións

O persoal do Hospital de Verín reclámalle ó xerente o seu apoio

"¿Por qué haces caso a los especialistas de Ourense y no haces caso a los de aquí? ¿Los especialistas de Ourense son de primera y los de Verín de segunda?", preguntábanlle os sanitarios do Hospital de Verín o seu xerente esta mañá. O inicio do peche indefinido que manterá o persoal do hospital coincidía coa reincorporación de Miguel Abad logo das súas vacacións. O feito de non ser quen de suspendelas para atender a crise que vive o hospital non gustou ó persoal do centro, deixándolle claro que "un posto como o teu implica dar a cara".

Máis dun cento de persoas apoian o peche do persoal do hospital acudindo ó centro sanitario para acompañalos ó longo do encerro. Na porta do seu despacho, cantábanlle ó xerente: "No estaba muerto, estaba de parranda".

Eran as 8:00 horas desta mañá cando o persoal do hospital daba comezo a unha nova protesta no marco da loita en contra do desmantelamento do centro sanitario. O encerro indefinido que manterán ata que o Conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, faga acto de presenza no Hospital de Verín, coincidía coa reincorporación do xerente do centro, Miguel Abad, das súas vacacións.

Nos pasillos do centro, o persoal reclamáballe a Miguel Abad que non estivera presente durante estes días e que dende a xerencia non houbese ningún acto de defensa do hospital nestes momentos de crise. Ante a insistencia do xerente nas súas explicacións alegando que estaba de vacacións, a contestación do persoal foi unánime "Igual era bo que as suspenderas porque un cargo como o teu implica esto, deberías suspender as vacacións e dar a cara".  

Na porta do despacho do xerente, Miguel Abad, íanse concentrando cada vez máis persoas que se unían á protesta do persoal mostrando o seu apoio ás reclamacións que levan tempo facendo. Veciños e veciñas da bisbarra seguen participando na defensa dunha sanidade pública e de calidade e na loita contra o desmantelamento do Hospital de Verín.

"No estaba muerto, estaba de parranda" cantábanlle esta mañá ó xerente do hospital na porta do seu despacho

Unha vez máis, a veciñanza da bisbarra pón de manifesto o apoio incondicional ás reivindicacións iniciadas polo persoal do hospital; desta vez, acompañándoos no seu encerro. De novo, a protesta faise dun xeito festivo, utilizando a música para reclamar os seus dereitos. Ante a ausencia do xerente ó longo destes días, cantábanlle nos pasillos aquelo de "No estaba muerto, estaba de parranda". Pouco despois, pedían a súa dimisión por non estar presente durante a crise do hospital e non apoior ó persoal do mesmo.

Logo dunha semana ateigada de actos de protesta os ánimos non decaen. Xa o pasado luns, 25 de novembro, máis de 400 persoas estiveron presentes na reunión que se organizara para dicirlles ás mulleres embarazadas que non podían dar a luz en Verín e terían que ir a Ourense. Reunión que tivo que ser anulada. Horas despois, un cento de persoas concentráranse no hospital na xuntanza organizada dende a xerencia provincial de sanidade para dar explicacións ós alcaldes da bisbarra. Unha semana na que as redes socias enchéronse de mostras de apoio ó persoal do centro hospitalario e de mostras de rexeitamento ó peche de servizos. Non cabe dúbida que o gran acto foi a masiva manifestación do sábado, na que se reuniron 20.000 persoas para berrar ben alto que "Verín non se Pecha".

As explicacións do xerente non convencen ó persoal do hospital

"Entiendo las sensibilidades que levanta este tema, pero le tengo que hacer caso a las decisiones que toma la pediatra. Cuando un niño se traslada, no se traslada por capricho", declaraba o xerente do hospital ante a disconformidade do persoal sanitario de Verín que deixaba claro que o traslado realizado este mesmo domingo viña provocado por unha orde directa do doctor Fernández Cebrián dende Ourense, realizada o "domingo mentras estaba na súa casa".

Dado que o xerente do Hospital non estivo presente en ningunha das reunións que tiveron lugar ó longo semana, nin nos actos de protesta, por estar de vacacións, esta mañá tivo que escoitar todas as reclamacións do persoal do centro sanitario de Verín. Persoal que acusa ó trío de emisarios enviados polo órgano de xestión da sanidade pública en Ourense -Félix Rubial, José Luis Doval e Santiago Fernández Cebrián- de querer humillalos coas declaracións que levan facendo nestes días.

Ante a contínua repetición do mesmo argumento por parte de Miguel Abad, referíndose a que el, como xerente, ten que facer caso dos especialistas, os sanitarios reclamábanlle que debería defender ó persoal do Hospital de Verín: "¿Por qué haces caso a los especialistas de Ourense y no a haces caso a los de aquí? ¿Los especialistas de Ourense son de primera y los de Verín de segunda? ¿Cómo es la cosa?"

Seguindo a argumentación de Miguel Abad, aquela na que xustifica que "son os pediatras, e non as matronas nen os xinecólogos, os que teñen que decidir o traslado dun cativo ou cativa en base a criterios clínicos", o persoal sanitario reclamaba saber quen vai decidir agora o que hai que facer se entra por urxencias un menor e non vai haber pediatra de urxencias ou de guardia. Según os protocolos de actuación do Hospital de Verín: "os nenos menores de tres anos urxentes ou críticos en estado grave téñenos que trasladar sempre acompañados por un pediatra; quen vai facer agora ese traslado?", preguntábanlle ó xerente desmontando os seus propios argumentos.

Non vamos a estar discutindo con alguén que non pode tomar decisións, esiximos que veña o conselleiro.

"¿Quen se vai responsabilizar do que poda pasar?", preguntaba Aurora Sola, da Plataforma de Defensa da Sanidade Pública. Ante a avalancha de preguntas, Miguel Abad volvía recurrir ós manidos informes técnicos xa utilizados pola xerencia provincial de Ourense para xustificar o peche do paritorio na vila e das urxencias pediátricas: o problema é que non hai nacementos. Ó tempo, afirmaba que as condicións do hospital non son as axeitadas para dar a luz en Verín porque "me baso en lo que dicen los que saben más que yo, los que llevan siendo ginecólogos 40 años"

Ante a deriva da conversa mantida co xerente nos pasillos do centro, que non levaba a nada, Eva Fernández, da Comisión Delegada do Hospital, volvía reclamar a presencia do Conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña: "Non vamos a estar discutindo con alguén que non pode tomar decisións, esiximos que veña o conselleiro". A única resposta que recibiron do xerente foi que trasladaría ó conselleiro a demanda dos traballadores e traballadoras ho Hospital de Verín.

O persoal do Hospital de Verín reclámalle ó xerente o seu apoio
comentarios