sábado. 20.04.2024
Os veciños da praza da Alameda reclaman maior presenza policial no lugar. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Os veciños da praza da Alameda reclaman maior presenza policial no lugar. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Berros, vasos rotos, golpes nas portas de calquera portal, ouriños nas paredes e portais e, agora, o risco engadido de non respectaren as medidas establecidas para evitar a propagación do coronavirus como é a obriga de levar máscara son algunhas das críticas dos veciños da Alameda de Verín e tamén das rúas Otero Pedrayo e Muralla, que logo de falaren entre eles están xa estudando a posibilidade de pór en marcha unha plataforma veciñal para "defender non só os nosos dereitos coma cidadáns a un descanso necesario senón tamén a de protexer a saúde da colectividade, porque en calquera dos balcóns que te coloques poderás comprobar que as medidas esixidas polas autoridades sanitarias non se respectan nin de lonxe", di unha das inductoras coa que conversamos e que preferiu manter a súa confidencialidade. 
"Levo creo que uns 50 anos vivindo aquí e sempre soportamos este tipo de excesos, pero creo que agora aínda é moito máis porque tamén a presenza policial é escasa ou nula e o alcalde só nos remite ás competencias da Garda Civil, da que di que é a responsable de manter a orde", explica. 

Non son as únicas queixas as destes veciños da Alameda. Non moi lonxe dese lugar, na praza do Carboeiro, rexístranse incidentes similares e incluso máis graves, coma o recente tiroteo que tivo lugar cando unha muller duns trinta anos a emprendeu a tiros contra o vehículo dun home ao que supostamente tamén ameazou con dispararlle. 

Reclaman maior presenza policial

E todo isto ocorre cos efectivos da Policía Local baixo mínimos e sen servizo nocturno -só os sábados teñen asignada a noite para patrullar as rúas de Verín- e, tamén, cuns servizos reducidos na fin de semana a Garda Civil, xa que entre os diferentes postos do Instituto Armado (Trasmiras, Verín, Riós e A Gudiña) realizan quendas para cubrir todo ese territorio polas noites. 

Debería haber máis presenza policial para que comprobasen se se respectan as esixencias en materia sanitaria, porque ás catro da mañá non se ve unha máscara nin por recomendación (Unha veciña da praza da Alameda)

Os veciños do barrio da Alameda reclaman maior presenza policial no lugar, para que "comproben se se están a respectar ou non as normas sanitarias, porque ás catro da mañá, na rúa, non se ve unha máscara nin por recomendación", sinalan notoriamente molestos pola "permisividade que se está a ter cun colectivo no que se está a demostrar que están sendo focos de transmisión do virus, como está ocorrendo na Coruña", recalca outro deles. 

Veciños da Alameda de Verín estudan crear unha plataforma contra os desmandos do ocio...