Martes. 19.03.2024
A doutora Carmen Sola Pérez, do ambulatorio de Verín, recibe a primeira dose da vacina. | FOTO: Cedida.
A doutora Carmen Sola Pérez, do ambulatorio de Verín, recibe a primeira dose da vacina. | FOTO: Cedida.

Verín e a súa comarca -como outras limítrofes incluso con peores datos, como é o caso de Xinzo de Limia- están experimentando a peor das escaladas da pandemia, logo dun ano -en China- do primeiro falecido por esta enfermidade. 

Segundo os datos que constan no Servizo Galego de Saúde, dende onte ás 15:00 horas, foron 30 os novos casos notificados no distrito sanitario verinense. Como era de agardar, o concello de Verín representa un tercio do total dese incremento, pero seguido en importancia polo veciño de Monterrei, que suma oito novos diagnósticos, catro en cada un dos centros de saúde dos que dispón -Villaza e Albarellos-.

Os municipios de Oímbra, Vilardevós e A Gudiña achegan a esa estadística diaria tres novos casos cada un. E pechan o listado Riós, con dous positivos máis, e o concello de A Mezquita, con un enfermo da Covid - 19 novo. 

Vacinacións nos centros de saúde

A maioría dos profesionais dos centros de saúde da vila e comarca estaban hoxe citados no ambulatorio verinense para recibir a primeira das dosis da vacina, logo de que onte comezaran a distribuilas no hospital comarcal. Ao longo de todo o día foi habitual comprobar como moitos deses sanitarios, co ánimo de concienciar á poboación da necesidade de someterse sen dúbida á vacinación, subían aos seus perfís imaxes do momento de recibir a vacina. 

As vacinas levan salvado milleiros de vidas ao longo da historia. A vacinación é un acto de solidariedade que nos protexe a todos (Carmen Sola Pérez, doutora do centro de saúde de Verín)

Unha delas era a doutora Carmen Sola Pérez, do centro de saúde de Verín, que colgaba no seu Facebook a instantánea e convidaba a toda a poboación a vacinarse: "Publico esta foto porque creo que os médicos debemos dar exemplo. A vacina é a arma máis potente que temos neste momento, sen esquecer a máscara, a hixiene de mans e a distancia social. As vacinas levan salvado milleiros de vidas ao longo da historia. A vacinacion é un acto de solidariedade que nos protexe a todos. Espero que pronto chegue a todos. Contra a Covid - 19, vacínate!", aseguraba. 

Cribado nun Xinzo cos casos disparados

A Consellería de Sanidade vén de anunciar un cribado para detectar posibles casos ocultos entre uns 4.000 veciños da comarca da Limia. O obxectivo serán os maiores de 18 anos de Xinzo, Porqueira, Calvos de Randín, Sandiás y Vilar de Santos, que xa están sendo citados para realizar a oportuna PCR no pavillón da capital limiá este sábado. 

O Concello de Xinzo informaba esta mesma mañá de 140 casos activos no seu municipo -cunha poboación de 9.600 habitantes-. Verín, con 13.600, notificaba menos casos activos: 124. 

Trinta novos casos na comarca de Verín nas últimas 24 horas