Venres. 29.03.2024
avenidaportugal
A avenida de Portugal é xa dende hoxe de titularidade municipal.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, vén de asinar o documento oficial de traspaso dos tramos urbanos da N-525 e da N-532 ó seu paso pola vila do Támega. "Con esta sinatura", afirmou, "complétase o proceso histórico de mutación das estradas que atravesaban a vila por rúas para as veciñas e veciños". O rexedor anunciou que o Concello xa prepara un proceso de humanización destes viais, con ampliación de beirarrúas e novas distribucións viarias, toda vez que xa son propiedade municipal. 
 
O proceso de cesión das antigas estradas nacionais iniciouse hai tres anos, coa petición de Seoane Fidalgo ao Ministerio de Fomento do seu traspaso para adaptarse á nova realidade urbana que o seu equipo de goberno proxectou para Verín, alonxada xa do seu pasado como zona de tránsito pesado que foi durante anos, e que consolidaba unha fenda no centro da vila. Dende entón, diversas actuacións coordenadas foron humanizando a intersección das dúas estradas nacionais no centro, coa retirada da cartelería estructural do cruce, a humanización da saída cara Castela ou a retirada de barandas e redefinición dos pasos de peóns. 
 
"Agora toca devolver as rúas ás veciñas e veciños de Verín", afirmou Seoane trala firma dos planos da cesión oficial con Fomento, e comezar "un novo e profundo proceso de reformulación destes espazos, que son ante todo para a vida da xente".
 
A cesión asinada entre o Concello de Verín e Fomento dos tramos da N-525 e da N-532 permitirá ademáis produndizar nos proxectos verdes de reducción de emisións, coa realización de humanizacións e acondicionamentos na entrada na vila dende a autovía A-52, proxectos que contemplan a creación de novos carrís bici que melloren a permeabilidade ciclable da vila e a adaptación das vías do centro cara unha mobilidade sostible. 

O alcalde de Verín asinou os documentos de transferencia da titularidade da N-532 e N-525