A firma textil doou un cento de máscaras e varias decenas de batas e calzas para o persoal

Solidariedade de Nicandra con Raiola, o centro de día para maiores de Verín

Mónica Díaz fai entrega de máscaras e batas a Nieves Justo, do centro de día Raiola. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O centro de día para maiores de Verín, Raiola, está preparando as súas instalacións e equipándose axeitadamente para cando reciban a orde da Xunta de Galicia de poder abrir as súas portas de novo.

Hoxe, unha firma verinense, Nicandra, dooulles unha boa chega de material textil de protección para os seus traballadores. 

Unha representante de firma Nicandra, Mónica Díaz, fíxolle entrega hoxe á supervisora do equipo de xerocultoras de Raiola, o centro de día para maiores de Verín, dun importante lote de material de protección para o persoal da institución. Foron un total de 120 máscaras de tea lavables, unhas vinte batas e outros tantos pares de calzas. Recolleunas Nieves Justo, responsable das profesionais de atención ao maior de Raiola, quen agradeceu "a Nicandra o xesto de solidariedade que tivo con nós, e que de seguro fará que a nosa cara sexa un chisquiño máis amable do que xa é cos nosos anciáns lucindo estas máscaras de deseño local". 

Mónica Díaz apuntou que "tivemos coñecemento de que o centro de día reanudará en poucas semanas a súa actividade e, ao igual que doamos material ao outras institucións sociais, non quixemos que Raiola, que fai unha extraordinaria labor cos maiores de Verín, quedara sen a nosa modesta aportación". 

Estamos traballando para ter o centro de día e o transporte dotado de todo o material e todas as medidas de seguridade que o Goberno estipula, para que os nosos maiores non corran ningún risco e estén protexidos en todo momento para evitar contaxios da COVID-19 (Chelo Ferreiro, directora de Raiola)

Preparándose para unha segura reapertura

O centro de día para maiores de Verín pechou as súas portas o venres día 13 de marzo, un día antes de que o Goberno de España decretase o estado de alarma. Arestora, como así confirma a súa directora, Chelo Ferreiro, "estamos traballando para ter o centro de día e o transporte dotado de todo o material e todas as medidas de seguridade que o goberno estipula, para que os nosos maiores non corran ningún risco e estén protexidos en todo momento para evitar contaxios da COVID-19. Manteremos aos nosos usuarios e ás súas familias puntualmente informadas da evolución da desescalada e da data de reapertura das instalacións. Estamos desexando volver a ver aos nosos maiores pero queremos velos cando o saír das súas casas para vir a estar con nós teña o máis mínimo risco para eles", apuntou Ferreiro Fernández.