O Sergas mantén en vixiancia a máis de 200 contactos estreitos dos 91 casos activos en Verín
Semana crucial para Verín, vila que preocupa aos responsables sanitarios do Sergas. Aínda que semella que os novos contaxios se moderan, o pico deste martes, de 92 casos activos, a posible reapertura das terrazas e a festividade de Todos os Santos pode facer que nuns días se superen o centenar de contaxiados.
A piques de rematar o mes de outubro, de que os bares tenten retomar a súa actividade aínda que sexan só no exterior, cun confinamento perimetral e co día de Todos os Santos na fin de semana, a vila de Verín mantén a súa senda ascendente na curva dos casos activos rexistrados. Este martes 27 de outubro rexistrouse o punto máis alto ata o de agora da gráfica, con 92 positivos en seguimento polo servizo de saúde, case o dobre dos contabilizados tan só un mes antes. Se se bota a vista atrás ata o 17 de setembro, data na que o Concello de Verín comezou a rexistrar nunha gráfica semanal o número de casos activos, estes teríanse si duplicado, pasando dos 45 de entón aos 91 deste mércores 28 de outubro.
Aínda que o número de novos casos positivos -variable que a Consellería de Sanidade elude de xeito sistemático- nas últimas xornadas mantén un incremento menor -do luns ao martes, entre as 15:00 horas, só se rexistraron 6 novos diagnósticos, 5 en Verín e 1 en Vilardevós-, o que máis preocupa tanto aos responsables sanitarios como ao grupo de Goberno local verinense é o número de casos estreitos que se manteñen en seguimento, uns 200, e que poderían desenrolar a enfermidade nas vindeiras xornadas.
Semana crucial
A Consellería de Sanidade manterá as medidas de restrición vixentes con motivo da pandemia pola COVID-19 en Galicia e seguirá unha "estratexia de monitorización continua" durante unha semana antes de estudar novas medidas no caso de ser necesarias.
Así o informaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, na rolda de prensa deste martes na que explicaron as decisións adoptadas polo comité clínico esta semana.
A doutora Durán Parrondo explicou que "preocupa" a situación en comarcas como a de Santiago, Ferrol "especialmente", Pontevedra, Vigo, Ourense, O Carballiño, Verín e Lugo, tras un "empeoramento en catro días" rexistrado en Galicia, dun 20%, "a pesar de ser a cuarta comunidade con menor incidencia acumulada".
Por iso, Sanidade expón unha "estratexia de monitorización continua de todas estas comarcas" e "se se constata un empeoramento esta semana", puntualizou Durán Parrondo, "a comisión clínica terá que actuar en consecuencia e pór en marcha medidas necesarias".