O Sergas integrará podólogos, máis matronas e limitará a 30 as consultas diarias en medicina de familia | NOTICIAS VERÍN
O Consello da Xunta coñeceu hoxe as conclusións do grupo de traballo de planificación asistencial de recursos humanos 2027-2030, un documento elaborado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) xunto ás organizacións sindicais para activar unha reforma integral da atención primaria. A proposta, presentada tamén ante a Mesa Sectorial de Sanidade, inclúe como principal novidade a incorporación, por primeira vez na historia do sistema público galego, da categoría profesional de podoloxía nos equipos dos centros de saúde.
A presenza destes especialistas centrarase de xeito prioritario na prevención e tratamento do pé diabético derivado desde medicina de familia e enfermaría, co fin de reducir os ingresos hospitalarios, diminuír o número de amputacións e previr alteracións biomecánicas ou úlceras. Este movemento dá continuidade ao plan de incorporación de novos perfís profesionais iniciado en 2025 coa entrada da categoría de dietista-nutricionista.
A estratexia autonómica fixa incrementos de persoal de cara ao ano 2030. Entre os obxectivos destaca acadar a ratio dunha praza de enfermaría por cada posto de medicina familiar; dotar dunha matrona por cada 6.000 mulleres ampliando as súas funcións a todo o ciclo vital; establecer unha praza de farmacia e outra de traballo social por cada servizo; e fixar unha ratio dun fisioterapeuta por cada 12.000 tarxetas sanitarias, apoiado por un TCAE por unidade. En saúde bucodental, prevese un odontólogo por cada 25.000 persoas e un hixienista dental por cada especialista, mentres que a rede de psicoloxía clínica acadará os 50 profesionais en 2030, contando xa con 28 este ano.
No ámbito organizativo, a Consellería de Sanidade implantará axendas de calidade para que o personal médico poida dedarlle máis tempo a cada paciente. Fixaranse tempos mínimos de consulta de 10 minutos e un límite máximo de 30 consultas por quenda en medicina de familia e 25 en pediatría. Para liberar de tarefas burocráticas ao personal sanitario, a nova Unidade técnica de apoio á atención primaria xa actúa en 106 centros con 20 técnicos de saúde, asumindo xestións como a renovación de medicación crónica ou trámites de ortopedia. O nivel básico da sanidade galega resolve actualmente o 90 % das consultas que demanda a cidadanía.