viernes. 19.04.2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, cun prazo de quince días para a presentación de solicitudes

O Sergas inicia o proceso para cubrir, cun contrato de longa duración, a praza de Dermatoloxía no hospital de Verín

Aínda que dende o Sergas temen, como xa ocorreu no Barco de Valdeorras, que a convocatoria quede deserta; o certo é que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio para darlle cobertura, de xeito interino e cun contrato de longa duración, á praza de Dermatoloxía no hospital comarcal de Verín

Todas as forzas con representación sindical secundaron o peche no interior do hospital.
A falta de especialistas ten sido obxecto de protestas e peches tanto no interior como no exterior do centro hospitalario comarcal.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a convocatoria para dar cobertura a unha praza da especialidade de Dermatoloxía no hospital comarcal de Verín, ofertando para os aspirantes un contrato de longa duración (interino), como xa fixera semanas atrás no centro homólogo do Barco de Valdeorras e que se viu na obriga de declarala deserta por falta de candidatos. 

Din dende o Sergas que o anuncio de hoxe exemplica o compromiso da súa xefatura provincial de cubrir a vacante xurdida na institución sanitaria verinense, aínda que temen que non chege a cubrirse pola falta de especialistas en todo o territorio nacional. É por iso que, temporalmente, "mentras dure esta limitación de facultativos e co obxectivo de garantir a atención de todos os usuarios da provinciaa Xerencia manterá o Plan Especial que permite atender no Hospital Universitario de Ourense a todas as consultas presenciais e intervencións dermatolóxicas, de cara a maximizar tempo e recursos", aseguran. 

Ademais -insisten dende o Sergas-, "estase potenciando e facilitando o desenvolvemento nos Centros de Saúde do programa de Teledermatoloxía, que axiliza interconsultas sen necesidade de que os usuarios se despracen, mellorando para elo a dotación de equipamento específico e a accesibilidade á formación especializada por parte dos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, mediante a súa rotación polo Servizo de Dermatoloxía".

Sinalan dende o ente xestor da sanidade galega que "obxectivo irrenunciable dos responsables da Area Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras continúa a ser o mantemento deste servizo de xeito integral, resolutivo e autónomo, nos tres centros hospitalarios públicos da provincia, recuperando o número de especialistas habitual en canto sexa posible".

INEXPLICABLE PARA OS SINDICATOS

Rosa Eva Fernández, do sindicato nacionalista CIG, non entende esta "maniobra da Xerencia, que entendo terá un carácter electoralista, como o recente anuncio das novas prazas. A praza de dermatólogo en Verín xa está cuberta por un profesional con nome e apelidos que está prestando os seus servizos na capital. O que teñen que facer dende o Sergas é, sinxelamente, retiralo desa comisión de servizos e envialo de novo para Verín, porque é o titular desa praza e evitaríase así desprazar aos pacientes, máxime considerando a idade media dos que acuden a esta especialidade", afirma a presidenta da Comisión Delegada do hospital comarcal. 

 

O Sergas inicia o proceso para cubrir, cun contrato de longa duración, a praza de...