domingo 17/01/21
Serán convocados os maiores de 15 anos con tarxeta sanitaria no centro médico de Verín

O Sergas citará a 10.000 verinenses ao cribado deste domingo no toural

Como adiantou onte Diario do Támega, o Sergas vén de facer público esta tarde que 10.000 verinenses estarán citados dende o vindeiro domingo a someterse á proba de detección do coronavirus. 

O cribado masivo farase no antigo toural de Verín. | FOTO: Carlos Montero.
O cribado masivo farase no antigo toural de Verín. | FOTO: Carlos Montero.

Ante o incremento de casos nos últimos días no concello de Verín, o Servizo Galego de Saúde procederá a facer un cribado selectivo da maior parte da súa poboación os vindeiros días 27, 28, 29 e 30, que se realizará directamente na vila, no antigo Campo da Feira de Gando de Verín.

O cribado realizarase mediante recollida de mostras para PCR e "pooling" de saliva. En total estímase que serán citados ao longo dos vindeiros días, a través dunha mensaxe de SMS, ao redor de 10.000 persoas, que se corresponden coa poboación da vila maior de 15 anos, con tarxeta sanitaria en Verín; maiores de 15 anos aos que se lles poida enviar un SMS de citación e o resultado se este é negativo. 

As probas realizaranse así ao 82,70% da poboación. A tipoloxía da proba será mediante test de saliva á poboación entre 15 e 69 anos (8.039) e mostra nasofarínxea para PCR aos maiores de 70 anos, un total de 1.961.

Os veciños citados para realización destas probas están a recibir unha mensaxe nos seus móbiles, na que se lle indica a hora e lugar e posto ao que se deben dirixir. Con esta mostra poboacional poderá coñecerse o grao de transmisión, así como detectar posibles positivos á COVID - 19 asintomáticos, cortando así a cadea de contaxios.

Estas probas non se poden confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos á COVID - 19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado.

Os resultados coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos vía SMS e os positivos directamente por parte do persoal médico de atención primaria. Para elo, o servizo Galego de Saúde lembra novamente a importancia de manter os datos de contacto actualizados e comprobar se se está dado de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas.

O Sergas citará a 10.000 verinenses ao cribado deste domingo no toural
comentarios